Ensino destina 21.000€ para axudar ás familias a comprar os libros de texto do vindeiro curso escolar

A concellería de Ensino e Participación Cidadá, que dirixe Cristina Fernández, informa que se veñen de aprobar as bases para as axudas municipais para adquirir libros de texto para o curso 2019/2020.

Por cuarto ano consecutivo, estas axudas están destinadas ao alumnado matriculado en educación infantil (4º,5º e 6º), FP Básica, Ciclos Formativos e bacharelato.

Co obxectivo de apoiar ás familias con ingresos limitados a concellería disporá dun total de 21.000€ para axudar á compra de libros e material escolar ata un máximo de cen euros. Cristina Fernández creou esta liña de axudas que dende o ano 2016 supoñen un respaldo ao ensino público e ás familias cunha inversión ata o día de hoxe de 83.000€ só en adquisición de manuais e libros.

O prazo de admisión de solicitudes rematará o vindeiro 30 de setembro e comezará a contar dende o día seguinte da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.

A concelleira de Ensino, Cristina Fernández, insiste na importancia de axudar ás familias con maiores limitacións e na prioridade de garantir o acceso a un ensino de calidade.