“En galego, agora e sempre” no Cemiterio Municipal de Ponteareas

O Concello de Ponteareas en colaboración coa Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNLG) organiza este xoves, día 27, ás 17:00 horas, no Cemiterio Municipal o acto “En galego, agora e sempre”, co gallo do Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia

A través deste acto quérese render unha homenaxe a todas as persoas que nos precederon e grazas ás cales Galicia segue a ter unha cultura e lingua de seu. Neste sentido  anímase á sociedade e aos sectores de empresas do sector funerario a sumárense a esta iniciativa.

Desde o Concello preténdese salientar o feito de que unha inmensa maioría das persoas galego falantes pasan a ser lembradas nas súas tumbas nunha lingua allea á que usaron en vida, aínda que  mesmo algúns,  si deciden lembrar aos seus familiares colocando as inscricións funerarias na nosa lingua.

O acto comezará coa descuberta dunha placa na honra de todas as veciñas e veciños que nos precederon no decorrer da historia de Ponteareas e que foron quen de transmitirnos a nosa lingua e cultura.

Tras a descuberta Xosé González Martínez, secretario da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística quen coincidindo coas datas previas a festividade dos Defuntos, referirase ao compromiso do uso normalizado da nosa lingua tamén nas necrolóxicas e lápidas funerarias, e Guillermo Rodríguez, director de Novas de Turonio e Eixo Atlántico, persoa comprometida co uso do galego nos medios escritos.

Durante o acto, un grupo de amigos e veciños de Canedo farán unha lembranza diante da tumba de Luis Pardo Groba sobre o seu papel pioneiro na dinamización socio-cultural de Canedo.

Posteriormente, convidarase a todos os asistentes a sumarse, quen así o decida, á sinatura pública da acta de “Derradeiras Vontades” na que se deixará constancia expresa de empregar a lingua galega nos epitafios e lápidas, incorporando aos testamentos e últimas vontades un mandato específico neste sentido.

Ao remate, se realizará unha visita  guiada a cargo de Gonzalo Fernández para dar a coñecer os diferentes elementos da arquitectura e simboloxía das principias construcións do cemiterio Municipal de Ponteareas.