En abril, libros mil en Ponteareas

O Concello conmemora o Día Mundial do Libro coa presentación de seis obras de autores e autoras da comarca ou vinculados á vila

O ciclo ‘Abril, mes do libro’ comezará o vindeiro luns 3 con ‘Para que non me esqueza’, de Manuel López Rodríguez

En abril, libros mil en PonteareasAbril volve ser o mes dos libros en Ponteareas. O Concello conmemorará un ano máis o Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor, que se celebra o vindeiro 23 de abril, cun ciclo de presentacións de obras de escritores e escritoras da comarca ou de Galicia, moitos deles e delas vinculados á vila. Como sinala o concelleiro de Cultura, Fernando Groba, con esta iniciativa “ademais de homenaxear un dos soportes vitais a través dos que se transmite a cultura, buscamos destacar a importancia da creación literaria en todos os xéneros e para a todas as idades e a gran canteira coa que contamos en Ponteareas”.

Ao longo do mes de abril realizaranse ata seis presentacións, dúas semanais, todas ás 20.30 horas na sala multiúsos do auditorio municipal de Ponteareas. A entrada será libre ata completar aforo.

A primeira cita será co escritor Manuel López Rodríguez e o seu ‘Para que non me esqueza’, poemario gañador da XXV edición do Premio de Poesía Avelina Valladares. Marcado pola sólida construción do poemario, o libro estrutúrase en tres partes unidas por un mesmo fío integrador e un rico emprego dos recursos poéticos. Cada poema vai precedido por un diálogo imaxinario con recoñecidos poetas, en gran número mulleres e está artellado cunha voz lírica feminina a través da que a obra percorre un amplo abano temático. Este prolífico e premiado autor noiés presentará a súa obra en Ponteareas o vindeiro luns 3 de abril.

O 5 de abril será a quenda de Ana Fernández Melón e a súa obra ‘1977-2023’. Tras Semana Santa Fran Fernández Davila virá o 13 de abril a presentar ‘O bosque do duque’ e Mar Míguez o día 14 con ‘A maxia asolagada’. O ciclo de presentacións rematará a última semana de mes achegando ao público o día 26 o traballo de Óscar Pazos Rodríguez ‘A invención da Gallaecia e a minaría do ouro. Unha tese sobre as orixes de Galiza’ e o venres 27 ‘A batalla de Rande’ de Pablo Prado e David Braña.