Emprego, memoria, alfabetización dixital e ofimática centrarán os cursos da aula CeMIT para este mes de maio

Emprego, memoria, alfabetización dixital e ofimática centrarán os cursos da aula CeMIT para este mes de maio

 

Tamén se realizarán probas presenciais exclusivas para as persoas que remataron algún curso de teleformación na plataforma EMA

 

A aula CeMIT de Ponteareas prepara un mes de maio cunha ampla programación de actividades para todos os públicos, con novos cursos de balde “cos que achegar a tecnoloxía a persoas de todas as idades e reducir a fenda dixital, facendo que a mocidade goce dela dun xeito responsable e divertido e que as persoas maiores a empregue como unha ferramenta máis da súa vida cotiá”, como salienta o concelleiro de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico, Benito Márquez.

 

Unha das propostas para este mes de maio será un curso de ferramentas de emprego, que terá lugar os luns de 11.30 a 14.00 horas, xunto cun taller de xestión de correo electrónico os días 3, 4, 5 , 6, 10, 11, 12 e 13 de maio de 16.00 a 18.30 horas. Neste camiño para achegar as novas tecnoloxías ás persoas maiores e atender alta demanda dos usuarios e usuarias, tamén se realizará un curso de Libreoffice e outro de alfabetización dixital os días 3, 4, 5, 10, 11, 12, 18 e 19 de maio de 18.30 a 21.00 horas.

 

A programación mensual continuará cunha achega ás compras en internet que se impartirá os días 18, 19 e 20 de maio de 16.00 a 18.30 horas e cun taller de memoria dirixido ás persoas maiores os días 24, 25, 26 e 31 de maio de 18.30 a 21.00 h.

 

Por outra banda, o 16 de maio de 11.30 a 14.00 horas realizaranse probas presenciais exclusivas para as persoas que remataron algún curso de teleformación na plataforma EMA.

 

As persoas interesadas en realizar calquera destes cursos deben facer a súa preinscrición a través do espazo da aula CeMIT habilitado na web da Xunta. Para máis información poderá contactarse coa aula CeMIT no correo electrónico cemit.ponteareas@xunta.gal ou chamando ou enviando unha mensaxe de whatsapp ao número 634 238 962 dentro do horario da aula, que estará aberta ao público os luns de 09.00 a 11.30 h e os venres de 18.30 a 21.00 h.