Efecto Polilla gaña a última edición do Concurso de Gaitas do País que homenaxeou a Xocas

O concello de Ponteareas quixo render homenaxe a Xaquín Míguez Rodríguez con motivo da última edición do Concurso de Gaitas do País do que resultou gañador Efecto Polilla, quedando en segundo lugar Rodamuíños e en terceiro e cuarto lugar Picuiña e Aula de Toque Pechado-Gaiteiros das Rías Baixas, respectivamente.

Xoaquín Míguez, “Xocas” naceu en Pazos de Borbén no ano 1940. Gaiteiro, artesán, investigador, inventor, mestre, amigo e pai é membro do xurado do Concurso de Gaitas do Páis dende hai trinta anos cando Moxenas quixo contar con él para o que se converteu no máis importante dos certames de toda Galicia.

Como él mesmo explica, a súa infancia está chea de recordos vinculados coa gaita dando o seu primeiro concerto como profesional no Brance de Borbén con tan só dez anos de idade. No 1954 marchou coa súa familia a Brasil e alí actuou no centro español, en eventos, no cine… levando a música de Galicia por todo Brasil. 

Cando retornou a Galicia reuníase en Santiago de Compostela con Basilio Carril e en Vigo cos da Roda e con Suso Bahamonde entre outras moitas persoas e gaiteiros que pasaron pola súa vida e que agora volven a súa cabeza. 

Todos eles coinciden en destacar que Xocas era sobre todo un bo amigo, traballador incansable e xeneroso que non dubidaba en compartir todos os seus coñecementos sobre o mundo da gaita.

Casado con Ramona Criado, coñecéronse en San Francisco, nas Cortellas, Padróns, e tiveron dous fillos que lle agasallaron dúas netas. A súa familia descríbeo como un pai excelente e un compañeiro loitador, vital, enérxico e inquedo que acompañaba a súa paixón pola música coa súa necesidade de investigar e emprender.

Autodidacta, levou o nome de Ponteareas e da gaita galega aos emprazamentos nos que impartíu clases, Boston, Canadá, Inglaterra, Italia, illas Bermudas… “sempre coa música e co noso instrumento, un instrumento moi respetado polo mundo enteiro”.

Xocas explícao así de sinxelo: “por donde fun sempre levei a miña identidade conmigo, é o meu ser, sempre coa gaita”.

Na homenaxe foron moitos os gaiteiros, músicos e artesáns que quixeron estar con él, co mestre, co músico e co defensor da gaita galega pero, sobre todo, quixeron estar coa persoa, con esa que promulga que “sempre me gustou falar un pouco menos e demostrar un pouco máis”.