Doce mozos ponteareáns adquirirán un certificado profesional en Desenvolvemento de Produtos Editoriais Multimedia

inicio-curso-artes-graficasO Centro de Desenvolvemento Local de Ponteareas (CDL) vén de realizar a primeira xornada informativa dun curso baseado no Desenvolvemento de Produtos Editoriais Multimedia. Dito curso é gratuito, ten un total de 570 horas e inclúe prácticas profesionais en empresas. Todos os alumnos que consigan superar os diferentes módulos, tanto teóricos como prácticos, adquirirán un Certificado de Profesionalidade, equivalente neste caso a un Ciclo Formativo de Grado Superior.

As clases serán impartidas en Vigo e a empresa prevé a inscrición dun máximo de 100 mozos e mozas menores de 30 anos, procedentes de distintos municipios da área metropolitana. Outro dos principais atractivos deste curso é que os alumnos optarán a un dos 44 contratos laborais que se asinarán ao rematar o mesmo. Os mestres e os titores dos alumnos nas prácticas profesionais serán os encargados de seleccionar a estas 44 persoas, que conseguirán insertarse no mercado de traballo cun primeiro contrato de 6 meses de duración. O Ministerio de Emprego ten previstas becas de transporte, de conciliación familiar e de discapacidade para aqueles alumnos que as precisen.

Esta primeira xornada contou coa presenza da Concelleira de Emprego, Marisol Valado. A edil de traballo animou aos alumnos “a loitar por esas prazas para ter a oportunidade de insertarse no mercado de traballo”, engadindo que “agarda que as doce persoas de Ponteareas inscritas neste curso consigan eses postos de traballo”.

Trátase doutra medida tomada dende A Concellería de Emprego para reducir o número de desmpregados no municipio, que o 31 de decembro de 2014 eran un 5% menos que na mesma data do ano 2013.

Os eixos fundamentais nos que se basearon as políticas activas de emprego nesta lexislatura foron a orientación laboral, a formación, a contratación directa por parte do Concello, a igualdade de oportunidades no acceso ao emprego, o emprendemento e a mellora na colaboración co Sistema Nacional de Emprego. Dende a Concellería dirixida por Marisol Valado investíronse máis de 3 millóns de euros para pór en marcha medidas que fomenten o emprego e a contratación.