Discurso da voceira do Consello da Infancia e da Mocidade de Ponteareas no Parlamento Galego

Discurso de Vera Lorenzo do IES Val do Tea no Parlamento de Galicia en representación do noso Consello da Infancia e da Mocidade.

Bos días a todas e a todos,

O meu nome é VERA LORENZO RODRIGUEZ 

Veño dende Ponteareas e falo en representación dos nenos e nenas do consello municipal de infancia do meu concello.

Moitas grazas por darnos a oportunidade de PARTICIPAR neste foro, e así destacar a importancia dun dos catro principios fundamentais da convención sobre os dereitos do neno,

Non esquezamos que o dereito a participación xunto co de non discriminación, interese superior do menor e o do dereito a vida, conforman os principios básicos dunha convención da que nestes días, celebramos o seu 30 aniversario.

Os nenos e nenas de Galiza, dixemos alto e claro, o pasado mes de xuño en Castrelo de Miño que queremos e sabemos participar, e que para exercer este dereito unicamente necesitamos que nos den a oportunidade para facelo,… polo tanto moitas grazas polo actividade organizada no día de hoxe.

Seguro que nas intervencións dos meus compañeiros e compañeiras atoparemos referencias a que hai algo que temos en común todos os nenos e nenas do mundo,… sen excepción,.. OS NOSOS DEREITOS,… e que independentemente do lugar de nacemento, da cor de pel que teñamos ou da condición económica ou sexual, todos os nenos e nenas do mundo temos os mesmos dereitos.

Certo,… así o recolle o documento, pero tamén escoitaremos referencias a que pasaron 30 anos, que houbo moitos avances e moitas melloras… pero tamén que segue quedando moito camiño por percorrer.

Por iso son tan importantes os procesos de participación postos en marcha nos nosos concellos, porque serven, igual que o traballo de preparación que fixemos para o día de hoxe, para visibilizar as problemáticas e as necesidades reais que ten a infancia e adolescencia de cada localidade, pero sobre todo porque nos axuda a medrar como cidadáns, porque non pensedes que repentinamente, os nenos e nenas, ao cumprir a maioría de idade, nos transformamos en adultos responsables e participativos,…. isto coma todo require de certo entrenamento.

Así a participación é por tanto, un dereito e tamén unha responsabilidade, xa que implica compartir as decisións que nos afectan e que lle afectan a comunidade na que vivimos.

Grazas por recibirnos neste parlamento, manteñan os ollos ben abertos e as orellas ben atentas porque as propostas que aquí se fagan, serán boas para os nenos e as nenas pero sobre todo serán boas para toda a sociedade

Moitas grazas