Dez escolas deportivas gratuítas durante o mes de agosto

Un total de 10 modalidades diferentes conforman a oferta deseñada dende a concellería de Deportes

As escolas inclúen varias especialidades que até agora non gozaban de presenza neste tipo de actividades organizadas dende o concello

carte_escolas_veranO Concello de Ponteareas xa ten preparadas as escolas deportivas que se desenvolverán no municipio durante o mes de agosto. Dez especialidades diferentes compoñen unha oferta variada e moi completa, na que os rapaces e as rapazas da vila terán a oportunidade de coñecer e practicar unha boa parte das modalidades que existen arestora na vila do Tea.

Baloncesto, fútbol sala, patinaxe, taichi, tenis, bádminton, billar, xadrez, wu shu e atletismo son os deportes que figuran nun cartel “completo e ambicioso, no que se reflicten modalidades que até agora non tiñan moita presenza nas escolas organizadas dende o concello e que a partir de agora contarán co noso apoio institucional para esta e outras iniciativas que levemos a cabo”, tal e como sinalou o edil ponteareán de Deportes, Benito Márquez”.

Os horarios das actividades das distintas modalidades, que terán lugar de martes a venres durante todo o mes de agosto, xa se poden consultar na web do concello e a ficha de inscrición pódese cubrir nesta ligazón. As idades dos rapaces e das rapazas participantes van dende os catro anos en adiante, en función da especialidade. O período de inscrición xa está aberto e remata o vindeiro 31 de xullo, inclusive. Todas as persoas interesadas deberán achegarse até o departamento de deportes do Concello de Ponteareas ou informarse a través do número de teléfono 673 794 880.

Márquez salientou “a tarefa feita dende a concellería neste último mes para deseñar unhas escolas deportivas moi dignas, sobre todo tendo en conta que tivemos que traballar contra o reloxo”. O concelleiro manifestou que “eramos perfectamente conscientes de que este tipo de iniciativas son unha necesidade para o municipio, pois axudan á conciliación laboral e familiar e, asemade, teñen un compoñente educativo importante”.

O edil tamén quixo agradecer a “colaboración das asociacións e clubs deportivos da vila que participan, pois sen eles non sería posible poñer en marcha estas escolas. Tivemos unha moi boa acollida pola súa parte e agardamos seguir traballando xuntos nun futuro próximo”.

FICHA DE INSCRICIÓN

CARTEL COS HORARIOS DAS ACTIVIDADES