A Deputación mellorará a seguridade viaria en 15 puntos das estradas provinciais en Ponteareas co Plan Móvese

As actuacións consisten en “lombos” e redutores de velocidade

 

O Plan Móvese da Deputación Provincial mellorará a seguridade viaria nas estradas da Deputación que cruzan o Concello de Ponteareas. Este plan ten como obxectivo favorecer a mobilidade e a velocidade segura con especial atención aos colectivos máis vulnerables: peóns, ciclistas e persoas con mobilidade reducida  No conxunto das estradas provinciais que cruzan o Concello, as actuacións concrétanse nun total e 10 pasos de peóns sobreelevados e 5  reductores físicos de velocidade. Estas medidas enmárcanse no Plan Móvese cun investimento total na provincia de case 4 millóns de euros.

 

Estas actuacións, que se realizarán na vindeira primavera, correspóndense coas demandas prioritarias, naquelas zonas máis sensibles e problemáticas en canto á seguridade viaria, trasladadas polo goberno municipal de Ponteareas á Deputación, facendo fincapé naqueles puntos cunha maior concentración de accidentes ou cun elevado tránsito peonil.

 

Todas as estradas provinciais que cruzan o termo municipal de Ponteareas beneficiaranse desta iniciativa. Os 10 pasos de peóns sobreelevados instalaranse nas estradas; Ponteareas-Guillde, Acceso á igrexa de Guláns, Areas-Alxén, Ponteareas-Pazos de Borbén e Ponteareas-As Neves.  A súa vez os redutores físicos de velocidade situaranse nas estradas: Celeiros-Oliveira, Confurco-Couso, Areas-Alxén e Ponteareas-Pazos de Borbén, nalgún dos puntos tamén se mellora a ilumniación no mesmo tramo do paso peonil

 

O Plan Móvese centrase na seguridade das persoas por iso estas son as primeiras medidas que pon en marcha a Deputación nas súas estradas para gañar en seguridade no espazo público.