Deputación e Concello de Ponteareas inauguran a senda botánica do Castelo de Sobroso

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao alcalde de Ponteareas, Xosé Represas e a Tenente de Alcalde, Chus Garrote, inauguraron esta mañá a senda botánica do Castelo de Sobroso, a través da cal –en palabras de Silva- ” se pode gozar da diversidade medioambiental do Bosque Atlántico arredor dunha xoia do noso patrimonio histórico e cultural”. A institución provincial investiu nesta senda circular dun quilómetro de longo preto de 120.000 €.

Carmela Silva amosou a súa satisfacción porque “cando anunciábamos a finais de xuño que íamos desenvolver esta senda asegurábamos que estaría operativa no mes de agosto e hoxe, 1 do mes, podemos sentirnos orgullosos por ter cumprido estritamente cos prazos marcados”.  Así, desde este momento, as persoas interesadas poderán percorrer a senda botánica do Castelo de Sobroso e descubrir exemplares característicos do Bosque Atlántico entre os que se atopan os carballos, os castiñeiros, as sobreiras, as camelias, os cipreses e árbores froiteiras.

A senda botánica do Castelo de Sobroso inclúe sete paneis tecnolóxicos, con códigos QR, e oferta contidos en inglés, castelán e galego, que permitirán facer o percorrido dunha forma máis amena e descubrir o valor natural e paisaxístico deste novo espazo. Máis polo miúdo, os sete paneis proporcionan información relativa ao mundo baixo os nosos pés, os liques, o carballo, o alcanfor, as froiteiras, a sobreira e o acivro, protagonistas da senda.

Amais da posta en marcha desta nova senda botánica arredor do castelo, a Deputación de Pontevedra está a traballar na naturalización do entorno forestal dos xardíns do recinto. Para elo, estanse a retirar especies invasoras como as acacias e, nuns meses, eucaliptos co obxectivo de acadar unha importante mellora ambiental e paisaxística e deixar accesibles os restos históricos que se atopan nas inmediacións deste espazo.

Xunto ao exterior do Castelo de Sobroso, a institución provincial tamén vai levar a cabo unha serie de obras, por valor de preto de 400.000 euros, para conservar e manter o recinto histórico. Estas obras son o paso previo ao plan de musealización que está previsto para o castelo e que impulsarán a definitiva posta en valor do recinto como espazo cultural e natural.

O obxectivo principal dos proxectos que se están a desenvolver en Sobroso é que no 2018, Ano  Internacional do Patrimonio, tanto o recinto histórico como o Bosque Atlántico sexan focos de atracción turística e que as persoas visitantes poidan gozar do alto valor histórico e natural do castelo.