Deposita os teus aparellos eléctricos e electrónicos no punto RAEE da praza de abastos

A concellaría de Medio Ambiente, que dirixe Rosa Covelo, informa que o Concello de Ponteareas colabora coa Deputación de Pontevedra no proxecto ESTRAEE, que está a desenvolver unha campaña de sensibilización e recollida dos RAEE (residuos e aparellos eléctricos e electrónicos) co obxectivo de animar ás veciñas e aos veciños a coñecer máis sobre este tipo de residuos.

Cando deixan de facer a súa función os aparellos eléctricos e electrónicos que precisan de corrente eléctrica, pilas ou baterías para funcionar convértense en RAEE (residuos de aparellos eléctricos e electrónicos).

O proxecto ESTRAEE (Estratexia Sostible Transfronteiriza para a Xestión dos Residuos de Aparatos Eléctricos e Electrónicos) é un proxecto europeo cofinanciado polo FEDER e liderado pola Deputación de Pontevedra. Pretende converterse nun modelo en Europa de xestión responsable deste tipo de residuos, cada vez máis habituais, así como nun exemplo da estratexia de economía circular encamiñada a xestionar os recursos eléctricos e electrónicos de forma sustentable. Tratará de mellorar mediante obras, novos equipamentos, normativa e aplicacións, a reutilización e reciclaxe dos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos en Galicia e o norte de Portugal.

Miniecopuntos informativos

Rosa Covelo explica que, no marco deste proxecto, procedeuse á instalación na Praza de Abastos, pola entrada da Rúa Fernández Vega, dunha columna informativa e caixas de recollida onde os veciños e veciñas do concello poden depositar diferentes materiais como teléfonos móbiles, tablets, pilas ou cargadores, entre outros aparellos.