Culturgal réndese ao libro ‘Rogelio Lorenzo. Paleta de nove cores’, da colección Creadores Ponteareáns

Culturgal réndese ao libro ‘Rogelio Lorenzo. Paleta de nove cores’, da colección Creadores Ponteareáns

A alcaldesa Cristina Fernández Davila e o escritor Manrique Fernández presentaron o volume esta fin de semana nunha nova edición da feira

Ponteareas volve amosar un anaco da súa historia, da súa arte e da súa literatura no Culturgal, a Feira de Industrias Culturais de Galicia, que esta fin de semana celebrou a súa décimo quinta edición no Pazo da Cultura de Pontevedra con grande éxito de participación. A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, e o escritor Manrique Fernández acudiron este domingo para presentar ao público asistente o libro ‘Rogelio Lorenzo. Paleta de nove cores’, un novo volume de Creadores Ponteareáns, unha colección posta en marcha polo Concello de Ponteareas en colaboración coa Deputación de Pontevedra co obxectivo de poñer en valor o traballo creativo de figuras senlleiras da vila que destacan no eido das artes.

Coincidindo cos 100 anos do seu nacemento, o Concello de Ponteareas decidiu dedicar o libro de 2021 a Rogelio Lorenzo, un pintor que destacou durante a segunda metade do século XX e que expuxo, con grande éxito de público e crítica, na Sala Toisón de Madrid ou na I Bienal de Arte Contemporánea Español, celebrada no Museo Galliera de París. Tamén traballou como profesor de debuxo artístico na Escola de Canteiros de Poio durante 20 anos, deixando unha fonda pegada en varios dos seus alumnos e alumnas.

A rexedora sinalou que coa publicación deste libro o Concello buscaba render homenaxe “a un extraordinario pintor que, aínda non sendo de Ponteareas, levou sempre a vila no seu corazón”, xa que unha das súas primeiras exposicións foi no Centro Artístico Sportivo do municipio con só 11 anos.

Para o Concello de Ponteareas é un orgullo asistir a unha nova edición de Culturgal para presentar novas creacións, xa que “a creatividade sempre foi un valor en alza en Ponteareas, con moitas e moitos dos nosos veciños relacionados con diferentes facetas da arte, ponteareás e ponteareáns de recoñecido prestixio que non queremos que caian no esquecemento”.