CULTURGAL descobre o libro ‘Alfredo Guisado. Xente d’aldea’, da colección Creadores Ponteareáns

CULTURGAL descobre o libro ‘Alfredo Guisado. Xente d’aldea’, da colección Creadores Ponteareáns

 

A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, e o autor, Carlos Pazos, presentaron o volume nunha nova edición da feira no Pazo da Cultura de Pontevedra

 

Ponteareas volveu levar a súa literatura a CULTURGAL, que cada ano reúne a artistas e artesáns de todas as industrias culturais. A alcaldesa Cristina Fernandez Davila e o escritor Carlos Pazos presentaron esta fin de semana o libro ‘Alfredo Guisado. Xente d’aldea e outros textos das orixes’, un volume da colección ‘Creadores Ponteareáns’ posta en marcha polo Concello en colaboración coa Deputación de Pontevedra para homenaxear ás figuras senlleiras da vila e que destacan no eidos das artes.

 

O público deu unha grande acollida a este libro, dedicado ao poeta, deputado, político e xornalista Alfredo Guisado, nado en Lisboa pero con orixes na parroquia ponteareá de Pías e con el conmemórase o centenario do poemario homónimo e achega outros textos que están vinculados coa súa terra de orixe, coa que sempre mantivo unha constante e prolífica conexión. Neste volume, o galego Carlos Pazos, profesor da Universidade do Minho en Braga, asume a vida do escritor luso como propia e se inclúen outros textos literarios e de intervención de Guisado de temática galega.

 

Dende o Concello saliéntase o orgullo de presentar nun espazo como CULTURGAL obras ligadas á historia ponteareá. “A creatividade sempre foi un valor en alza en Ponteareas e se botamos a vista atrás atopamos unha morea de persoas relacionadas con diferentes facetas da arte, ponteareáns e ponteareás de recoñecido prestixio que foron caendo no esquecemento e que pouco a pouco estamos a recuperar”, destacan.