
Haberá actuacións musicais de balde nos centros culturais de San Mateo, Canedo e Xinzo
Ponteareas quere conmemorar o Día das Letras Galegas con música a esgalla. Ao abeiro do programa Cultura24, a veciñanza poderá gozar de tres actuacións coas que poñer en valor o traballo que están a desenvolver as agrupacións musicais da vila e achegalo ao público. Deste xeito, o vindeiro 17 de maio ponteareás e ponteareáns poderán desfrutar da música nos centros culturais de San Mateo, Canedo e Xinzo.
A charanga Nosokaos conquistará ao público que se achegue á Casa Cultural de San Mateo para gozar de música e diversión con esta agrupación a partir das 17.00 horas. Á mesma hora o Grupo Folclórico San Salvador de Padróns subirá ao escenario do Centro Cultural Xinzo para amenizar a velada coa súa música e baile galego. Xa ás 18.30 horas será a quenda do grupo folclórico e pandeireteiras Pedra da Garza, que estará no Centro Cultural de Canedo.
O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, anima a todas as ponteareás e ponteareáns “a pasar unha tarde agradábel de lecer gozando da nosa música nun día tan importante para todos os galegos e galegas”. Todas as actuacións serán de balde con entrada libre ata completar aforo.

