A Corporación aproba por unanimidade asumir o mantemento do reforzo de alumeado na N-120 que realizará Fomento

O Pleno tamén aprobou a o valor residual dos vehículos e maquinaria, que foi substituída por cumprimento do contrato no ano 2015 da empresa adxudicataria de recollida do lixo

 

O Concello de Ponteareas asumirá o gasto de mantemento unha vez que o Ministerio de Fomento faga o reforzo de alumeado na estrada N-120 no tramo entre o centro da vila e Xinzo, como están facer todos os municipios neste tipo de actuacións, tralo acordo plenario por unanimidade de onte. Non se tería chegado a este avance sen a presión social da veciñanza, coa Plataforma de Afectados N120 á cabeza, co apoio do Goberno local e todas as forzas políticas con representación na Corporación municipal de Ponteareas.

 

A sesión plenaria extraordinaria deste martes 14 de febreiro tratou entre outros temas sobre o valor residual de 108.000 euros da maquinaria, que xa fora renovada no ano 2015 pola empresa adxudicataria da recolleda do lixo. O Goberno de Ponteareas abriu o ano pasado un período de diálogo coa empresa para resolver, entre outros, este  tema. Todos os membros da Corporación votaron a favor do acordo chegado coa adxudicataria da concesión de recollida do lixo.

 As solicitudes de compatibilidade para unha segunda actividade por parte de sete traballadores municipais foi outro dos puntos tratados. Nesta ocasión houbo diverxencias de interpretación entre o Goberno e a oposición. Aprobáronse cinco compatibilidades cos votos do Goberno, o PP e EU-Son, coa abstención de ACiP. As outras dúas compatibilidades foron retiradas da orde do día a petición do grupo municipal do PP.