Convocatoria para solicitude de prazas da escola infantil municipal para o curso 2014-2015

_55A1507A concelleira de servizos sociais-atención primaria achega a todos os interesados a información sobre a apertura da  convocatoria, para o procedemento de ingreso na Escola Infantil Municipal para o vindeiro curso 2014-2015, contando con 50 prazas novas en horario completo, en horario de tarde  20 prazas.

Poderán solicitar praza na Escola Infantil Municipal aqueles nenos e nenas con idade entre os 3 meses e os 3 anos.

Por ser unha escola de integración, pódese solicitar praza para os nenos con discapacidade física, psíquica ou sensorial. Neste suposto poderase, logo da valoración técnica, prorrogar a permanencia destes nenos un ano máis, fóra dos límites da idade.

Os impresos de solicitude pódense recoller na Escola Municipal e serán entregados no Rexistro do Concello, debidamente cubertos, en horario de 9 a 13 horas, de luns a venres, achegando a documentación solicitada.

O prazo de presentación de solicitudes será dende o 12 de marzo ao 11 de abril, ambos os dous incluídos.

No caso de falta de documentación ou defecto nesta os interesados contarán cun máximo de 10 días para a presentación ou subsanación dos documentos pendentes.

A Comisión de Baremación será a encargada de efectuar a selección, aplicando os baremos establecidos pola Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia.

A Escola permanecerá aberta 11 meses, con xornada reducida en xullo, Nadal e Semana Santa e pechando no mes de  agosto. Contando con servizos como o de comedor, gabinete pedagóxico, iniciación a lingua inglesa, atención temperá a nenos e nenas con dificultades no desenvolvemento,…

 

 

 

 

Algunhas das actividades que se realizan e se fomentan nos nenos son: compartir cos demais, acadar máis independencia, experimentar coa música, brincar, correr, trepar, aprender a esperar, xogar cos xoguetes, traballar coas mans, contar e escoitar contos, falar nas nosas linguas, coñecer o noso contorno e costumes, comer e descansar cos compañeiros,… valores que se traballan no día a día a través de recursos tanto humáns como materiais.

Todo o persoal da Escola traballa para acadar fins como o de crear un ambente motivador e gratificante, para acadar o desenvolvemento integral e harmónico da personalidade de todos os nenos e nenas, ofrecendo un servizo educativo de calidade, contribuíndo á conciliación da vida familiar e laboral.