Máis 100 empregados do Concello están utilizando xa a plataforma dixital
Durante estas últimas dúas semanas, os traballadores do Concello de Ponteareas están recibindo formación na administración electrónica. A decidida aposta do consistorio ponteareán por avanzar nesta materia continúa co proceso de capacitación dos empregados no procedemento dixital, que tamén permitirá implicalos máis no obxectivo de lograr unha administración máis eficiente e próxima ao cidadán.
A implantación da administración electrónica está na súa segunda fase de formación dos traballadores municipais, formación que comezou polos traballadores dos departamentos prioritarios de Secretaría e Intervención/Rendas, seguindo despois polos departamentos de Oficina Técnica, Persoal Policía Local e Rexistro. Trátase de formación específica sobre a plataforma dixital e a tramitación de expedientes e firma dixital, encamiñada a adaptar a dinámica de traballo do persoal do Concello.
Benito Márquez, concelleiro de Novas Tecnoloxías, quixo sinalar que “a resposta dos traballadores municipais a este gran cambio está sendo moi satisfactoria. Quero agradecer a implicación de todos eles e a súa boa disposición para cos técnicos que os están formando”.Neste sentido, indicaba o edil, “non é posible o cambio no funcionamento do Concello se non se implican os actores internos para aplicar o xestor de expedientes que xa temos en funcionamento”.
Este novo sistema facilita a organización, control e xestión de expedientes, permitindo ao concello ter perfectamente organizada toda a súa actividade administrativa, co máximo rigor xurídico e permitindo dar o salto do expediente en papel ao expediente electrónico, a través da incorporación da firma electrónica en toda a organización. Á súa vez, esta mellora redundará de xeito significativo na relación cos cidadáns permitindo reducir tempos e prazos na tramitación dos expedientes. “É un gran avance que nos vai permitir dar maior seguridade aos procedementos administrativos e maior axilidade na resolución”.