Conferencia sobre aforro enerxético na Sala de Usos Múltiples do Auditorio

Está organizada pola concellería de Medio Ambiente e terá lugar o xoves 10 de marzo a partir das 20:30 horas

cartel-eficiencia-enerxéticaA Concellería de Medio Ambiente, xestionada polo alcalde Xosé Represas, organiza unha conferencia sobre aforro enerxético o xoves 10 de marzo, a partir das 20:30 horas na Sala de Usos Múltiples do Auditorio Reveriano Soutullo. Os participantes serán Antonia Yanes, responsable da Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC), Santiago Domínguez, técnico de eficiencia enerxética en edificios e Serafín Valencia, técnico da cooperativa galega Nosa Enerxía.

Trátase dunha iniciativa encamiñada a informar a todos os asistentes de prácticas e hábitos que se poden adoptar no uso de moitos electrodomésticos presentes nos fogares e que permiten aforrar unha importante cantidade de enerxía. Non introducir alimentos quentes no frigorífico, apagar o forno un pouco antes de sacar a comida para aproveitar o calor residual, ou evitar o uso de auga quente na lavadora son só algúns exemplos dos útiles consellos que as persoas que acudan a esta conferencia poderán escoitar.

Esta actividade serve, ademais, como unha “excelente previa do Día Mundial dos Dereitos do Consumidor, que se celebrará o 18 de marzo e para o que se disporá dun posto de información na Praza Bugallal no que Antonia Yanes, responsable da OMIC, atenderá as dúbidas dos consumidores en horario de 09:00 a 14:00, dando a coñecer máis se cabe o excelente servizo que se presta dende esta oficina”.

A OMIC está situada no Edificio de Servizos Socias, na rúa Oriente, número 8, 2ª planta. O enderezo electrónico da oficina é omic.ponteareas@xunta.es.