Conexión vía Facebook co Rei Melchor

A concellaría de Lingua anuncia que o Rei Melchor, en nome dos Reis Magos de Oriente, conectará coas cativas e cos cativos de Ponteareas a través da páxina de Facebook do Concello de Ponteareas . O Rei Melchor colgará un vídeo mañá xoves, día 24, para dirixirse ás nenas e aos nenos do noso concello e felicitalas/os persoalmente polo seu exemplar comportamento neste ano tan duro de confinamento e crise sanitaria.

 

O Rei Melchor anunciará neste vídeo as datas en que visitará Ponteareas, tanto o centro urbano como as parroquias, e convidará a cativada a que deixe as súas cartas na caixa de correos real situada na entrada da Biblioteca Pública Municipal. O Rei Mago ten este ano unha petición moi especial. Como coñece todos os idiomas do mundo e aproveita para practicalos en cada unha das súas visitas, quere que os/as nenos/as ponteareáns/ás lle escriban en galego e, así, nunca esquecer e mellorar a lingua da terra que visita.