Coñecer Ponteareas segue a súa actividade cunha visita guiada dende a ponte medieval até Angoares

A Biblioteca e o Museo Municipal de Ponteareas, dependente da Concellería de Cultura, coordinada por Hortensia Bautista, ven de organizar unha visita guiada dende a ponte medieval ata Angoares ( Castros das Searas e igrexa románica) a partir das 20:00 horas mañá xoves 28 de xullo

Esta actividade ten como  obxectivo dar a coñecer a historia de  Ponteareas, descubrindo aos seus fitos históricos máis significativos, así como os segredos máis importantes da vila do Tea.

Da Ponte a Angoares

Neste percorrido, visitaranse  monumentos moi importantes, como a ponte medieval que xogou un papel notable na historia de Ponteareas. Tamén visitaremos un castro pouco coñecido, o castro das Searas, en Angoares, pero moi cerca do casco urbán de Ponteareas. Así mesmo, coñeceremos un pouco máis a Igrexa románica de Angoares, única en Galicia pola súa planta de cruz latina. Durante o percorrido nos atoparemos con diversos elementos da arquitectura popular como os cruceiros que tamén ocupan  un papel importante dentro do noso patrimonio cultural.

Para todos os interesados en participar desta visita, a saída realizarase, ás 20.00 h. diante da Biblioteca Municipal de Ponteareas. É imprescindible a inscrición previa na Biblioteca ou chamando ao teléfono 672 105 468.