Coñecementos, lecer e diversión para os 420 rapaces e rapazas que gozaron dos campamentos de verán en Ponteareas

Coñecementos, lecer e diversión para os 420 rapaces e rapazas que gozaron dos campamentos de verán en Ponteareas

O Concello destaca a boa acollida que ten cada ano o Campus Tea e o Verán Rural

Co inicio de curso á volta da esquina, os campamentos de verán do Concello de Ponteareas despídense ata a vindeira tempada. Durante os meses de xullo e agosto, arredor de 420 rapaces e rapazas participaron nalgunha das quendas do Campus Tea e do Verán Rural, “unha alternativa de lecer lúdica e educativa que sempre ten moi boa acollida por parte dos e das ponteareás, xa que grazas a elas os nenos e nenas gozan dun xeito diferente das vacacións estivais ao tempo que facilitamos a conciliación familiar e laboral”, valora a alcaldesa e responsable de Ensino, Cristina Fernández Davila.

Un verán cheo de actividades do que puideron desfrutar os máis de 300 rapaces e rapazas inscritos no Campus Tea e os 100 do Verán Rural, que nesta edición levou os seus campamentos ás parroquias de Angoares, Xinzo, Areas e Guláns. A través destes campus, o Concello promove actividades lúdicas e didácticas para ofrecer un tempo de lecer de calidade aos máis pequenos e pequenas.

Combinando xogo e saídas didácticas con actividades creativas, culturas e de coñecemento, estes campamentos buscan espertar a curiosidade de todas e todos os seus participantes e ampliar o coñecemento sobre a vila e a súa contorna a través dunha educación en igualdade, en hábitos de vida saudábeis e no coidado do medio ambiente. Así, a través de diferentes saídas e actividades, nenos e nenas aprenderon como funcionan os muíños e os pozos, a recoñecer diferentes instrumentos musicais, a cociñar deliciosos e sinxelos pratos ou a respectar a natureza.

Dende o Concello agradécese a confianza depositada un ano máis polas familias nestes programas de verán, “un servizo para todas aqueles pais e nais que traballan e que queren deixar aos seus fillos e fillas nun espazo lúdico, didáctico e de crecemento persoal”.