Coñece Seraogna, hoxe e mañá citas únicas para descubrir a maxia de Pexegueiro

O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e a concelleira de Cultura e Turismo, Hortensia Bautista, convídano á presentación hoxe  sábado día 19 do libro “Blasfemias de silencio (de Seraogna aos Balcáns” do ponteareán Alfonso Pexegueiro.

Este primeiro libro que se enmarca na colección “Creadores Ponteareáns” que irá vendo a luz para por en valor o traballo creativo de moitos e moitas ponteareás é un poemario testemuño da renovación poética dos setenta que agora poderemos ler en edición revisada e correxida con introducción e notas de Luciano Fernández Martínez e tres apéndices do propio poeta. 

Este poemario, Seraogna, que veu a luz en maio do ano 76 co selo de “Rompente”, chega hoxe as mans de todos os que naqueles anos non puideron gozar das nosas letras.

Seraogna supón un discurso lírico de grande riqueza artística e profundamente enraizado coa terra, coa clase traballadora, coa loita pola patria e coas vivenzas íntimas naquel entorno social. 

Pexegueiro recolle o socialrealismo para convertelo en poesía cunha forte carga emocional e a través dunha estética imaxinativa. Rupturista e estremecedor Seraogna non é máis que o froito de invertir a orde do nome da parroquia natal do autor, Angoares.

A impronta da súa infancia nos seus versos é latente e as mensaxes optimistas mestúranse cos conflitos pesimistas facendo navegar nunha mesma estrofa a esperanza co sofrimento, a loita coa represión, a liberalización coa colonización…

“A creatividade sempre foi un valor en alza en Ponteareas e botar a vista atrás no tempo significa atopar unha morea de xente interesada nas distintas facetas da arte. Disciplinas como a música, literaturia ou as artes plásticas levan ligado o nome de ponteareáns e ponteareás de recoñecido prestixio que foron caendo no esquecemento e que dende o goberno de Ponteareas queremos recuperar”, explica o Alcalde.

Deste xeito o sábado 19 ás 19:30 horas no salón multiusos do auditorio municipal presentarase o libro co que se inaugura a colección Creadores Ponteareáns. Ademais, o domingo día 20 a partir das 10:00 horas terá lugar o roteiro literario por algún dos máxicos lugares de Seraogna e que partirá da igrexa parroquial de Angoares.

“Todos os veciños e veciñas están convidados a participar nos distintos actos que teñen como obxectivo por en valor as iniciativas culturais e creativas outorgando a merecida importancia a todas as ramas e representacións artísticas”, explica a concelleira Hortensia Bautista.