O Concello de Ponteareas informou do remate dos traballos de acondicionamento do novo aparcamento municipal ubicado no solar da antiga empresa Granitos de Galicia e Aceros del Tea.
Os traballos consistiron na limpeza e desbroce da parcela, mellora do pavimento, o valado perimetral de todo o aparcamento, o pintado das prazas de estacionamento e a instalación de iluminación. Tan só queda pendente a instalación de sinalización vertical para proceder á apertura do aparcamento que contará inicialmente con 61 prazas, dúas delas para persoas con mobilidade reducida e catro para motocicletas. O aparcamento ampliarase proximamente duplicando o número de prazas iniciais.
Este novo equipamento é unha realidade tras lograr o Concello a cesión de 7.300 m2 do solar das empresas, que pasará a ser propiedade municipal no intre da aprobación do PXOM. A cesión inclúe tamén o antigo edificio de Aceros del Tea.
Esta actuación, segundo o alcalde Xosé Represas, “axudará a desconxestionar o centro de Ponteareas ofrecendo unha alternativa de estacionamento nun lugar estratéxico”. Pola súa parte, a tenente de alcalde, Chus Garrote, lembrou que no futuro o espazo poderá albergar un aparcamento soterrado e, na superficie, zonas verdes, destinándose o edificio de Aceros a uso público”.