O Concello urxe á Xunta a abrir negociación para asumir ás competencias da residencia de maiores

O Concello de Ponteareas urxe á Xunta de Galicia a axilización dos trámites para o traspaso da competencia da residencia de maiores Santa Ana. Tras varias reunións e reiteradas peticións o goberno de Ponteareas insiste na necesidade de abrir negociación para tratar do futuro da Residencia.

Como xa se ten posto de manifesto, o Concello de Ponteareas asume competencias que son propias da Xunta de Galicia e que limitan os recursos municipais para destinar a obras e servizos básicos que si son competencia do Concello, esta é a situación da Residencia de maiores.

No caso da residencia de maiores quedou pendente a creación da comisión de traballo comprometida na última reunión mantida co Conselleiro de Política Social. 

“Reclamamos o avance das negociacións xa que obrigan ao Concello a asumir competencias impropias cos gastos que iso supón, despois de que durante anos a Xunta non movera un só papel para corrixir a situación. Non e só cuestión do déficit económico do día día que soporta o Concello, tamén hai que considerar a necesaria renovación das instalacións, unha obriga da Xunta que o Concello non pode nin vai asumir”  explica o Alcalde, Xosé Represas.

Ante o silencio o goberno de Ponteareas non se conforma e esixe que se retomen as conversas para que cada administración asuma as súas obrigas e poida garantir un mellor servizo aos veciños e veciñas. A Concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, explica que aínda que nun principio as 32 prazas son ofertadas para persoas válidas, no decurso dos anos moitos dos usuarios e usuarias foron perdendo mobilidade co que a dependencia é maior e fai preciso máis dedicación por parte do persoal.