O concello suma esforzos coas parroquias na loita contra a Vespa Velutina

O concello de Ponteareas a través da Concellería de Medio Ambiente e Medio Rural que dirixen o Alcalde Xosé Represas e o concelleiro Manolo Troncoso respectivamente, reuniranse coa veciñanza das parroquias para informar tanto aos apicultores como aos particulares en xeral da evolución das vespas velutinas, métodos para capturalas e medidas en xeral a adoptar.

O concello entregará trampas e tamén ofrecerá as nocións básicas para crear trampas caseiras. O Alcalde insiste na importancia de formarse e saber distinguir as vespas velutinas doutras especies autóctonas coma a Vespa Crabro xa que a eliminación desta favorecería a expansión da especie invasora ao reducir os seus competidores naturais. 

Tamén é importante distinguir os niños da Vespa Velutina que son de forma redondeada e de maior tamaño que os da vespa autóctona. A meirande parte dos niños están construidos sobre as copas das árbores, xeralmente de grande altura e, de forma ocasional, en zonas pouco transitadas de edificios, construcións, galiñeiros… e moi rara vez soterrados.

As trampas que se entregan nestes días son as máis efectivas porque teñen como obxectivo a captura de raíñas no momento en que realizan os niños primarios para evitar que, posteriormente, no verán e no outono proliferen máis niños. 

As primeiras reunións serán este venres en Fontenla o sábado en Arnoso e Cumiar e o luns en Fozara.