O Concello presenta a 11ª edición da Feira Tradicional dos Remedios

A Concellería de Cultura do Concello de Ponteareas presentou hoxe a undécima edición da Feira Tradicional dos Remedios que terá lugar o vindeiro 9 de setembro.
Esta feira tradicional traslada a Ponteareas a principios do século XX converténdoa nun escenario de subasta de gando e demostracións en directo da construción a man de zocos, veas ou útiles de latón.
Alfareiros, telleiros ou cesteiros traballarán de cara ao público para ofrecer aos clientes a exclusividade das súas pezas.
De dez da mañá a oito da tarde a rúa Constitución acollerá os postos dos artesáns mentres na Praza da Igrexa se realizan as demostracións e se pode repor as forzas nos postos de alimentación. A rúa Esperanza e Oriente terán variados postos alternativos con todo tipo de produtos tanto para mercar como para degustar.
Torneiro a pedal
Feirantes de toda Galicia e Portugal encherán as rúas da Feira Tradicional dos Remedios que este ano conta coa novidade dun torneiro especialista en tornear a madeira das gaitas a pedal.
Volta a principios do século XX
O Concello de Ponteareas convida ao público a vir ataviado coas roupas de principios do século XX e así acompañar aos feirantes e recrear, por un día, os momentos das feiras nas que, ao igual que o vindeiro día 9, se podía mercar alimentos, gando, obxectos e todo tipo de produtos para a casa.
Porcos celtas, galiñas, ovellas, vacas, bois, cabalos ou o burro Paulino tomarán as rúas na procura dun sabio comprador que saiba detectar os seus encantos nunha das poucas feiras tradicionais que oferta a venda de gando.
Teatro e música na rúa completan este día de feira enmarcado dentro das festas dos mes de setembro que este ano conta cunha programación para toda a familia con actividades, desfiles, actuacións, obradoiros e moita diversión a partir do día 8 de setembro, día dos Remedios que abre ás 12 horas coa rueda dos gigantes e cabezudos polo centro urbano. Un día que se completa con animación infantil a partir das 17:30 horas e o concerto da Banda de Música Xuvenil de Xinzo ás 21:30 horas para dar paso á verbena a partir das 23 horas.