Concello e Xunta realizan melloras de seguridade vial na Avenida de Castelao

O Concello e a Xunta realizan esta semana varias actuacións de mellora da seguridade vial na Avenida de Castelao.

Por unha banda o Concello vai habilitar un paso de peóns a carón do parque infantil da Avenida de Castelao. Segundo explica o concelleiro de Mobilidade e Tráfico Roberto Mera, “trátase dun tramo ocupado por colectores, onde se ubicaba un fotomatón e onde estacionaban vehículos obrigando aos peóns a invadir a calzada”. O Concello retirou os colectores e o fotomatón e pintará de inmediato o paso de peóns.

Por outra banda a Xunta pintará esta semana cebreados a 10 metros de cada un dos pasos de peóns para asegurar esa distancia mínima de visibilidade. Deste xeito non se poderá estacionar a esa distancia dos pasos de peóns no sentido de circulación, para protexer aos peóns e mellorar a visibilidade dos condutores.

Por outra banda, o Concello habilitará nas proximidades do parque infantil unha nova praza de estacionamento para persoas con discapacidade, que se unirá ás dúas xa existentes.

Mera sinalou que “para velar polo cumprimento das normas en materia de seguridade vial, protexer aos peóns e impedir que os vehículos estacionen sobre o novo paso de peóns no parque infantil, nas zonas cebreadas e nas prazas para persoas con discapacidade sen autorización, a Policía Local intensificará, na medida das súas posibilidades, a vixilancia”. O concelleiro nacionalista fai un chamamento á veciñanza “para poñer en coñecemento da Policía Local calquera incumprimento destas normas básicas de convivencia e seguridade e poder así actuar con máis eficacia”.