Concello e comerciantes da praza de abastos comezan as xestións para acadar a Excelencia

O Concello de Ponteareas a través da concellería de Promoción Económica, informa que nesta semana comezarán os traballos para a redacción do estudo e diagnose da praza de abastos. Esta información lle foi trasladada aos praceiros e praceiras nun encontro mantido na propia praza no día no que estiveron presentes, o alcalde XoséRepresas, a concelleira desta área Eva Gil e as responsables da empresa seleccionada para a realización destes traballos, Rural Consulting.

Rural Consulting é unha empresa especializada na posta en marcha, xestión e mellora de mercados municipais, aportando solucións innovadoras a un ámbito tan tradicional como pode ser o dos mercados e conta cunha dilatada experiencia, atopándose no seu curriculum casos de grande éxito en concellos do noso país.

Dinamizar a praza de abastos e facela máis competitiva son os obxectivos que se perseguen dende esta concellería que considera que para acadar estas dúas metas é imprescindible comezar por realizar un estudo da situación actual da praza: capacidades, eivas, produtos, clientela e servizos que deben implementarse, entre outras cuestións.

A partir deste xoves, Rural Consulting, comezará coas entrevistas individuais coas que recollerán as primeiras percepcións e opinións dos praceiros e praceiras e da clientela. Tamén se dirixirán ao público en xeral para coñecer o seu concepto da praza de abastos e os seus hábitos de compra.

Cada mercado ou praza de abastos debe buscar e desenvolver a súa propia personalidade e atopar cales son as súas debilidades e fortalezas para, minorando as primeiras e destacando as segundas, garantir o seu futuro”, explican as técnicas de Rural Consulting que redactará un estudo de impacto económico actual e potencial da praza de abastos na súa contorna e describirá a oferta e a demanda existente e a futura para propor unha estratexia de optimización de usos e unha batería de actuacións de innovación.

A empresa adianta que grazas ao crecente interese pola gastronomía e polos produtos saudables, os mercados volven a estar no punto de mira, poñéndose o acento na importancia de manter e consumir produtos locais.

Dende o Concello se quere apostar polo Mercado Municipal como un dos referentes do desenvolvemento económico local, traballando conxuntamente cos praceiros e praceiras neste proceso que esta semana se inicia coa realización dunha análise previa da situtación. Cando se rematen os traballos contaremos cunha proposta en firme que recolla todas as actuacións precisas para revitalizar a praza de abastos e facela competitiva.