Concello e Avelaíña, da man na atención a persoas con enfermidades de saúde mental en Ponteareas

Concello e Avelaíña, da man na atención a persoas con enfermidades de saúde mental en Ponteareas

Renovaron o convenio de colaboración, co que se achegarán 7.450€ para o desenvolvemento de información e asesoramento para seguir favorecendo a integración social

O Concello e a Asociación Avelaíña continúan traballando man a man para mellorar a calidade de vida e favorecer a integración social das persoas con  enfermidades de saúde mental e as súas familias. A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, e a presidenta da asociación, María Fernanda Orduna Vela, asinaron un novo convenio de colaboración entre ambas entidades, que suporá unha achega de 7.450 euros para o desenvolvemento do servizo de información e asesoramento en saúde mental para previr a exclusión social.

Trátase dun programa que Avelaíña desenvolve de forma permanente na zona do Condado e A Paradanta que tras a crise sanitaria da COVID-19 viu incrementada de forma importante a súa demanda. “Para nós é un orgullo colaborar con Avelaíña neste servizo que permite dar resposta ás necesidades das persoas con enfermidades de saúde mental e ás súas familias dun xeito integral e amplo”, salienta a alcaldesa.

O obxectivo é informar ás persoas que o precisen sobre os diferentes recursos e procedementos vinculados á saúde mental, asesorar e poñer en contacto co persoal adecuado para atender cada problemática particular, achegar recursos especializados de proximidade e coordinar actuacións, completando así o traballo que se está a desenvolver dende o servizos sociais do Concello de Ponteareas.

O servizo vai dirixido a prestar atención a calquera persoa con necesidade de información en saúde mental, tanto persoas afectadas como familiares, persoas coidadoras ou profesionais do ámbito sanitario, social ou educativo. Pero, ademais, poderá servir de apoio e asesoramento a diversos axentes sociais e comunitarios da contorna municipal, como servizos sociais, centros educativos, centros de saúde ou policía local, entre outros.

A rexedora e a concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, quixeron destacar o papel fundamental de Avelaíña nun ámbito de tanta relevancia no ámbito da saúde pública e agradecer o labor que a asociación ven desenvolvendo dende hai anos na vila, dando a persoas e familias asesoramento, apoio psicolóxico e apoio comunitario.  

A Asociación Avelaíña é unha entidade sen ánimo de lucro que leva dende o ano 1997 traballando para potenciar a inclusión das persoas con enfermidades de saúde mental mediante a promoción da súa calidade de vida e a dos seus familiares. No ano 2016 chega á comarca do Condado e A Paradanta tras detectar unha gran necesidade de atención nesta zona con reducidos servizos e recursos de proximidade. Na actualidade, Avelaíña está conformada por arredor de 20 profesionais e máis de 400 persoas con enfermidades de saúde mental, familiares, persoas coidadoras e persoas sensibilizadas ante este problema de saúde.