Concello e Avelaíña continúan traballando xuntos no servizo de información e asesoramento en saúde mental en Ponteareas

Concello e Avelaíña continúan traballando xuntos no servizo de información e asesoramento en saúde mental en Ponteareas

 

Renovaron o convenio de colaboración por un importe de 5.000 euros para continuar  mellorando a calidade de vida e favorecendo a integración social das persoas afectadas

 

O Concello e a Asociación Avelaíña continúan traballando da man para mellorar a calidade de vida e favorecer a integración social das persoas afectadas. A alcaldesa, Cristina Fernández Davila, e a presidenta da asociación, Mª Fernanda Orduna, renovaron o convenio de colaboración entre ambas entidades por un importe de 5.000 euros que permite apoiar o “Servizo de información e asesoramento en saúde mental para previr a exclusión social”, que inclúe un conxunto de actuacións dirixidas a dar resposta ás demandas da poboación en relación á saúde mental dos ponteareáns e ponteareás.

 

“Asociacións como Avelaíña desempeñan un papel fundamental nos diversos ámbitos da actividade social de Ponteareas, desenvolvendo unha función esencial e imprescindíbel nas políticas de saúde pública, por exemplo”, salientou a rexedora, que quixo agradecer xunto á concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, o labor tan importante que esta entidade vén desenvolvendo na vila. Só no que vai de ano, a Asociación Avelaíña atendeu a 37 persoas e familias de Ponteareas, ás que se lle deu información e asesoramento, apoio psicolóxico e apoio comunitario.

 

Con este convenio refórzase así un servizo que Avelaíña presta de forma permanente no Condado e A Paradanta e que viu incrementada a súa demanda tras a crise sanitaria. “A pandemia foi especialmente dura coas persoas con problemas de saúde mental, polo que a asociación e todo o equipo de profesionais que ten detrás converteuse nun apoio impresdincíbel para elas e para as súas familias”, recalcou.

 

O obxectivo deste servizo é informar sobre os diferentes recursos e procedementos vinculados á saúde mental e asesorar ou poñer en contacto co persoal idóneo que poida atender a cada problemática particular, complementando así os servizos sociais dos que dispón o propio Concello de Ponteareas.

 

Avelaíña é unha entidade sen ánimo de lucro que dende 1997 traballa para potenciar a inclusión das persoas con problemas de saúde mental mediante a promoción da súa calidade de vida e a dos seus familiares. Actualmente está integrada por 18 profesionais e máis de 400 persoas socias con enfermidade mental, familiares, persoas coidadoras e persoas sensibilizadas ante este problema de saúde.