Concello e Asociación de Maiores convidan a bailar

Concello e Asociación de Maiores convidan a bailar

O Centro Social acollerá en maio e xuño sesións de baile para que as persoas maiores establezan relacións sociais e poidan poñerse en forma bailando

O Concello organiza en colaboración coa Asociación de Maiores de Ponteareas unha nova actividade de balde dirixida ás persoas maiores da vila para fomentar a actividade física e participación social na terceira idade.  Durante os meses de maio e xuño chega a Ponteareas ‘Maiores a bailar!’, sesións de baile os sábados 6 e 20 de maio e 3 e 17 de xuño ás 18.00 horas no patio do Centro Social.

A actividade comezará esta mesma fin de semana xerando espazos de encontro nos que establecer relacións sociais e mover o esqueleto ao ritmo da música.

“O baile é unha actividade ideal para manterse en forma tanto física como mentalmente porque permitirá a todas e todos os participantes interaccionar con máis persoas, gozando da música e da cultura nun ambiente agradábel e divertido”, explica a concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera.