Concello e Anpa controlan a o Servizo do Comedor Escolar do CEIP Fermín Bouza Brey

A Concellería de Ensino esixe á empresa o cumprimento do contrato e que extreme a calidade dos menús

O CEIP Fermín Bouza Brey de Ponteareas conta por primeira vez neste curso con  Comedor Escolar, servizo que foi asumido polo Concello diante da negativa da Consellería a asumilo, compromiso que tamén declinaron asumir os pais e nais.

Para garantir o mellor funcionamento deste servizo, o cumprimento do contrato e sobre todo a calidade dos menús, por iniciativa da concellería de ensino que dirixe, Cristina Fernández Davila, constituíuse unha Comisión de Seguimento na que participa á ANPA “Xiada” do citado centro, a empresa concesionaria e o Concello. Esta comisión tamén estará ao tanto da implantación do proxecto educativo ligado ao propio servizo do comedor, tal e como figura no contrato que foi adxudicado despois dun proceso de licitación pública nunha mesa de contratación con presenza de todos os grupos políticos da Corporación.

A Concelleira de Ensino, deu conta na Comisión de seguimento dos controis realizados á empresa en canto ao cumprimento do contrato así como das analíticas realizadas por un laboratorio independente sobre os menús do Comedor Escolar. Os resultados deste estudio, tanto microbiolóxico como proteínico e de calidade, confirmaron a calidade e o equilibrio alimenticio do menú para o alumnado de entre 3 e 12 anos.

Cristina Fernández quere recoñecer a labor de colaboración da ANPA en todo o proceso dende o inicio do servizo de comedor, as suxerencias de mellora dos pais e nais con respecto aos menús, organización do comedor, instalacións, recollida do alumnado, etc., cuestións que foron aclaradas por parte da empresa concesionaria. “É necesario estar día a día pendente do servizo da empresa para garantir o control de calidade da alimentación ofrecida e verificar as condicións, cantidades e calidades dos menús” manifestou a concelleira de ensino

Dentro dos controis do comedor e da labor da Comisión de Seguimento, recentemente, un grupo de nais acompañadas da Concelleira de Ensino, visitaron as instalacións da empresa concesionaria en Vigo a fin de comprobar “in situ” o procedemento de elaboración da comida servida a diario no Comedor Escolar do CEIP Fermín Bouza Brey. A visita foi cualificada de positiva polas nais participantes que comprobaron tanto  o tipo de produtos utilizados na elaboración dos menús como  os métodos de conservación dos mesmos.

“É imprescindible que as familias teñan información de primeira man sobre como se desenvolve o Servizo de Comedor Escolar, e poder valorar futuras melloras tanto no menú como no proxecto educativo a desenvolver por parte da empresa concesionaria, a fin de que podamos ofrecer un espazo de conciliación familiar que facilite a vida cotiá das familias”, explica Fernández Davila.

Un paso máis neste sentido será a elaboración dun Regulamento do Servizo de Comedor Escolar en consenso coa Anpa, que entre outras cuestións recolla o protocolo para exercer diferentes controis sobre o servizo, no que poderán participar de igual maneira tanto o Concello como os propios pais e nais dos usuarios.