O Concello de Ponteareas restituirá a cuberta do lavadoiro das Cachadas

O Concello de Ponteareas consegue unha subvención da Deputación para a restitución da cuberta do lavadoiro das Cachadas, cuberta que tiña que ser recuperada cando se realizaron as obras do regato da Venda e que o PP de González Solla recepcionou dándolle o visto bo sen estar colocado o tellado. 

O obxecto desta liña de subvencións é o de promover a recuperación e rehabilitación deste tipo de patrimonio existente na provincia, sempre que sexa de titularidade municipal.     

“Agora o goberno de Ponteareas contará cunha achega de 23.272,67€ para a substitución da cuberta deste elemento que forma parte do patrimonio histórico-arquitectónico da cidade”, explica a Tenente de Alcalde e Concelleira de Vías e Obras, Chus Garrote. 

Este lavadoiro con máis de cen anos de antigüidade contaba ata 2014 cunha cuberta coa que agora se potenciará a beleza do entorno do regato da Venda que pasa ao seu carón formando parte do conxunto desta zona recreativa que conta cunha pasarela pilotada de 80 metros na zona das Cachadas e outra pasarela de sete metros na zona denominada de José Cerviño. 

Por outro banda, “esta cuberta axudará á conservación deste lavadoiro evitando a súa exposición directa aos elementos atmosféricos e recuperará o carácter e personalidade original posto que este tipo de elementos patrimoniais soen estar protexidos por tellados e cubertas”, engade a Concelleira.