O Concello de Ponteareas reforza o servizo de bombeiros

O goberno de Ponteareas amosa o seu compromiso coa seguridade, que entende necesaria para a convivencia en paz de todos os veciños e veciñas, reforzando o servizo de bombeiros, que conta na actualidade con 14 persoas; servizo que se viña prestando nas últimas décadas de forma precaria. 

Ponteareas, como municipio de máis de 20.000 habitantes está na obrigada de ter un servizo de prevención e extinción de incendios e emerxencias. Este servizo pódese prestar coa colaboración e implicación da Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra. 

“Reformamos o parque de xeito que habilitamos un espazo para poder atender aos veciños cando veñen pedir axuda ademáis de dotar de aire acondicionado e calefacción unha instalación na que conviven 24 horas ao día persoas preparadas para atender calquera emerxencia que poida xurdir”, afirma Vanesa Fernández. 

Ademáis invertíuse en distinto material necesario para as intervencións dos bombeiros.

A concelleira de Seguridade Cidadá considera que se mellorou o servizo notablemente pero que non se deixará de mellorar nos vindeiros anos. 

O servizo de Bombeiros é un servizo esencial, prioritario que atende non só a Vila de Ponteareas senón tamén sete vilas máis: Mondariz, Mondariz Balneario, Arbo, As Neves, Salvaterra, Crecente e Cañiza. “É de xustiza que se recoñeza a labor que realizan os traballadores dun servizo de emerxencias. Cando un bombeiro ten que saír a unha intervención xógase a súa vida”, afirma Vanesa Fernández.

Reforma do mapa de emerxencias de Galicia

“Temos falado en distintas ocasións coa Presidenta de Deputación para buscar unha forma de que o Servizo de Bombeiros de Ponteareas poida convertise nun subparque do servizo de bombeiros de Porriño, pero sempre como servizo público”, refire Vanesa Fernández, concelleira de Seguridade Cidadá. 

Segundo a concelleira, pola súa parte a Deputación está loitando duramente coa Xunta de Galicia para reformar e mellorar o mapa de emerxencias de Galicia, que como xa se ten comprobado, non resulta operativo na maioría dos casos. Así o Concello de Ponteareas apoia firmemente a Deputación nesta necesidade que precisa dunha solución urxente que poña fin ao descontrol actual nas emerxencias de Galicia, competencia da Xunta .