O Concello de Ponteareas premiará con 1.800€ ao gañador do L Concurso de Gaitas do País

O Concello de Pontearas publica as bases para o L Concurso de Gaitas do País de Ponteareas 2017. Ata o día 11 de setembro os interesados poden presentar as solicitudes no rexistro de entrada do Concello de Ponteareas e serán seleccionados por rigorosa orde de inscrición.
O Concello de Ponteareas no seu afán por promover e difundir a música tradicional galega, convoca para o vindeiro sábado 23 de setembro de 2017 a L (50) Edición do Concurso de Gaitas do País a partir das 16:30 h, consolidándose coma a festa musical da súa especialidade máis antiga de Galiza e colocando a Ponteareas como referente no panorama da música tradicional galega.
Poderán participar no concurso todos os grupos de gaitas que toquen con instrumentos tradicionais galegos, sen modificación de ningún tipo.
A solicitude de inscrición realizarase por Rexistro de Entrada do Ilmo. Concello de Ponteareas de forma gratuíta ata o día 11 de setembro de 2017 e pode descargarse no apartado de Cultura da web do Concello http://ponteareas.gal/xiralda/uploads/2014/01/BASES-DO-CONCURSO-DE-GAITAs.pdf
O número máximo de grupos de gaitas participantes será de vinte, ás 16:00horas do día 23 diante da casa do Concello farase o sorteo para a orden de participación.Os compoñentes dos grupos participantes non poderán participar na mesma edición do concurso con outro grupo. Farase unha lista de agarda por orde de inscrición para os casos de renuncia.
Os instrumentos obrigatorios para concursar serán: dúas gaitas, un bombo e un tamboril. Non serán admitidos máis instrumentos dos enumerados nin menos, debendo os participantes vestir o traxe tradicional galego completo.

1 de 2
Os grupos participantes interpretarán dúas pezas de libre elección que serán de raíz melódica galega. O tempo total das dúas pezas será como máximo de 8 minutos e non se admitirá a interpretación de suites nin de popurrís.
O xurado do L CONCURSO DE GAITAS DE DO PAÍS de Ponteareas estará composto por destacados persoeiros do mundo da gaita e da música tradicional de Galiza: Antón Corral Martínez, Antonio Gutiérrez Pereira, Xoaquín Míguez Rodríguez, “O Xocas” , Iván Costa Blanco, Manuel Alonso Iglesias, “Xalueiro”, Juan Luna de Cabo e Xosé Manuel Gil Rodríguez.
O L CONCURSO DE GAITAS DO PAÍS de Ponteareas estará dotado dos seguintes premios: 1º premio de 1.800€, 2º premio de 1.200€, 3º premio de 900€ e un 4º premio de 600€.
O Concello de Ponteareas outorgará a todos os grupos un premio de 200,00 euros en concepto de participación, agás ao 1º, 2º, 3º e 4º premio.
Nesta edición, o grupo gañador actuará durante 15 minutos abrindo o concerto de Xosé Manuel Budiño que comezará ás 23:00 horas no parque da Feira Vella e que en caso de chuvia celebrarase no mesmo Auditorio Municipal.