O Concello de Ponteareas impulsa a doazón de sangue

O Concello de Ponteareas e a Axencia Galega de Doazón de Sangue e Órganos (ADOS) impulsan a participación dos veciños e veciñas nas campañas de doazón de sangue para garantir o labor dos hospitais galegos, que precisan 10.000 doazóns de sangue cada mes para atender a todos os doentes.

As épocas do ano de maior dificultade para a doazón de sangue coinciden cos meses de verán. Os enfermos ingresados nos hospitais galegos seguen a precisar a solidariedade dos veciños e veciñas, e por iso, o Concello distribuirá material informativo para tratar de incrementar a participación.

Poden doar sangue as persoas entre 18 e 65 anos e que pesen máis de 50 quilos. Persoal sanitario revisará a saúde das persoas que se acheguen ata a unidade móbil de ADOS, antes de levar a cabo a doazón de sangue:

 

PONTEAREAS
MÉRCORES 9 e XOVES 10 de AGOSTO
10.00 a 14.30 e 16.00 a 21.00 horas
Unidade móbil de doazón de sangue diante do Concello

Ponteareas acadou o pasado ano 2016 unha taxa de 46 doazóns por cada 1.000 habitantes e o obxectivo é manter a participación dentro das cifras que recomenda a Organización Mundial da Saúde (40 a 60 doazóns por cada 1.000 habitantes).
Queremos facer un agradecemento especial as persoas que participan cada ano nas campañas de doazón de sangue. Grazas a este xesto solidario, os hospitais atenden aos enfermos de cancro e leucemia e levan a cabo, cada día, unha media de 2.700 urxencias, 500 intervencións cirúrxicas e 3 transplantes de órganos e tecidos.

Neste verán os enfermos non toman vacacións
e moitas persoas dependen deste xesto solidario para recuperar a saúde
Precisamos 10 minutos da túa vida para salvar a de outros