Concello de Ponteareas e Zona Franca estudan a realización dun plan estratéxico para impulsar o desenvolvemento económico local

O Consorcio da Zona Franca abre as portas a realizar un plan estratéxico para Ponteareas, que lle permita analizar o tecido económico e empresarial e tomar decisións para impulsar o municipio e a súa comarca tras a pandemia. Así se desprende da reunión mantida pola concelleiras socialistas de Emprego e Formación, Vanesa Fernández; e a concelleira de Vías e Obras, María Jesús Garrote; co delegado do Estado, David Regades, nas instalacións de Zona Franca en Vigo.

 

 

No encontro valoráronse diversas vías de colaboración a curto e medio prazo, entre a Zona Franca e a Concellaría de Formación e Emprego, para potenciar e axudar ao tecido empresarial ponteareán.

 

 

O delegado do Estado, David Regades, asegurou que “Zona Franca está comprometida co desenvolvemento económico de Vigo e a súa área e Ponteareas é unha peza fundamental para chegar a bo porto”. Neste sentido precisou que “o plan estratéxico é fundamental para coñecer a realidade do tecido empresarial e poder tomar decisións fundadas, que nos permitan impulsar a economía e con ela o emprego”.

 

 

A concelleira socialista, Vanesa Fernández, agradeceu persoalmente o ofrecemento de Zona Franca para sopesar a viabilidade dun convenio de colaboración que teña como obxectivo deseñar un plan estratéxico empresarial para o desenvolvemento económico do Concello de Ponteareas. “Toda esta actuación vén precedida de diferentes reunións con representantes de empresarios do noso concello, co obxectivo de establecer liñas de actuación para poder optar ás partidas económicas que nos cheguen dos fondos europeos”, afirma Vanesa Fernández.

 

No transcurso da reunión co delegado do Estado tamén se analizou a situación do futuro parque empresarial da Lomba e desde a concellaría houbo un compromiso firme de facilitar toda a documentación e estudos, co obxectivo de dinamizar o Concello de Ponteareas e tratar de paliar as consecuencias da pandemia do covid 19.