O Concello de Ponteareas colaborará na recuperación dos montes incendiados

O Concello de Ponteareas quere agradecer unha vez máis a colaboración e comprensión veciñal nestes duros días de incendios. O Alcalde, Xosé Represas, quere destacar o importante papel da colaboración entre veciñanza e traballadores municipais decisivo para evitar que esta catástrofe fose aínda maior.

“Nun día no que toca facer reconto, o Concello de Ponteareas salienta o compromiso da xuventude axudando a afastar o lume das casas, a boa disposición das comunidades de montes que puxeron todos os medios posibles para frear o avance das lapas, a unión veciñal, o esforzo realizado polos traballadores municipais,  bombeiros, axentes forestais, Policía Local, Protección Civil, Cruz Vermella e colectivos sociais que de inmediato argallaron todo o necesario para dar axuda aos que a precisaban no pavillón grazas á empresa concesionaria da piscina que actuou con axilidade, ademais da colaboración das forzas de seguridade. Tamén o agradecemento ao Alcalde de Vigo e á Concellería de Seguridade de Vigo por enviarnos efectivos. Por suposto á Presidenta da Deputación por estar pendente e constantemente preocupada polo estado dos veciños de Ponteareas”, explica a Concelleira de Seguridade Cidadá, Vanesa Fernández.

Cunha sensación aínda de desamparo ao verse invadidos polo lume, sobre todo a partir do mediodía do domingo, o Concello de Ponteareas lamenta non dispor de máis medios nin apoios e pide á Xunta de Galicia que reflexione sobre se a política de prevención e loita contra os incendios forestais está sendo axeitada ou non.

Prender lume é doado , facer que arda un monte é posible e conseguir un estado de alerta plantando varios focos á vez tamén pero hai que replantearse as políticas de prevención e ademais contar coa poboación que vive no rural para establecer protocolos de actuación en emerxencia. 

“É imprescindible ter un plan de actuación para evitar o avance do lume e, por suposto, hai que ter medios humanos e mecánicos activados sobre todo cando a previsión metereolóxica advirte dunha situación adversa e extrema que, neste caso, xa sabía hai días e activar medidas de alerta ante situacións de altísimo risco como a que se daba. Hai que ter políticas de actuación axeitadas á realidade actual”, explica o Alcalde, Xosé Represas.

Dende o grupo de goberno lanzan unha mensaxe de agradecemento e, á vez, de ánimo e adiantan que colaborarán na recuperación do monte incendiado, impulsando accións conxuntas coa veciñanza, propietarios e as comunidades de montes.

“Compre primeiro estudar ben a zona, analizar con asesoramento técnico o traballo a facer e colaborar coas persoas que voluntariamente se están a ofrecer”, engade Represas.