A Concellería de Ensino organiza unha charla sobre sexualidade na adolescencia dirixida a nais e pais

O vindeiro xoves 24 a partir das 19.30 h a sala multiusos do auditorio municipal acollerá a charla-coloquio a cargo do equipo voluntario do programa “Educación para a Saúde” da Cruz Vermella Xuventude

cartel-charla-cruz-roja

A adolescencia e a sexualidade son unha combinación arriscada pero necesaria. Durante esta etapa transitoria entre a idade infantil e a adulta, os máis mozos comezan a procesar as súas necesidades sexuais de maneira tempestuosa e vulnerable. Procuran rápidas respostas ás dúbidas máis urxentes que se interpoñen entre a razón e os impulsos, unha urxencia que algunhas veces desemboca en ideas equivocadas, erros e falsos mitos. Para botar luz sobre este tema tan controvertido coma natural, Cruz Vermella pon en funcionamento o seu programa de promoción da saúde co obxectivo de informar ás nais e pais sobre como axudar e mellorar a calidade de vida dos adolescentes.

Esta charla sobre a sexualidade na adolescencia está dirixida a nais e pais de alumnado da última etapa de Primaria e alumnado da ESO. “É importante que as nosas fillas e fillos teñan unha educación sexual atinada porque hoxe en día teñen tanta información ao seu dispor que, en moitas ocasións, non é doado para eles peneirar aquela que lles vai ser interesante e beneficiosa”, indica a concelleira de Ensino, Cristina Fernández.