A Concellería de Ensino organiza cursos para pais e nais de alumnado de Ponteareas de retoque fotográfico e aplicacións de Google

Os cursos, que serán de balde, terán un prazo de inscrición entre o 17 e o 25 de outubro, con 10 prazas cada un deles.

A solicitude presentarase no Rexistro de Entrada do Concello de Ponteareas

Ambos os dous cursos realizaranse na aula CeMIT situada no Centro Social da rúa Oriente de 16.00 a 18.00 horas. O curso de retoque fotográfico comezará o mércores 2 de novembro, continuará o 9 e 16 do mesmo mes e rematará o 23. Deseguido, o curso de aplicacións de Google empezará o mércores 30 de novembro, seguirá o 14 e rematará o 21 de decembro.

O primeiro dos cursos tratará o retoque fotográfico coa creación dun logotipo e fondo de pantalla, unha fotomontaxe, o enfoque e desenfoque, a coloración ou filtros básicos, entre outros temas.

O segundo taller sobre aplicacións de Google achegará a configuración de aplicacións de Google a través do correo, de Google Maps, Gmail, Google Docs, Google Drive ou Hangout, entre outros.

Ao remate entregarase Diploma da Xunta de Galicia que certifica o tipo de curso e número de horas realizadas, que servirá para ampliar o currículum das persoas que accedan ao mesmo.