A Concellería de Ensino consegue a colaboración da Xunta na mellora dos centros educativos

O xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, mantivo unha reunión co alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, para analizar as necesidades dos centros educativos deste concello de cara ao 2018.

Na reunión estiveron tamén presentes a concelleira de Educación de Ponteareas, Cristina Fernández, así como a inspectora de zona e o xefe da Unidade Técnica de  Educación.

Tanto o xefe territorial como o alcalde destacaron a importancia da colaboración entre administracións para conseguir solucionar as necesidades máis prioritarias no eido do ensino. E, neste senso, acordaron asinar un convenio de cara a reformar varios colexios da localidade.

Este acordo suporá a colaboración da Xunta e do Concello na habilitación dun Ximnasio no CEIP  de Santiago de Oliveira, acordando o concello facerse cargo tamén do arranxo das pistas exteriores seguindo o proxecto elaborado pola comunidade educativa: “O Patio que queremos”. A Consellería de Educación, pola súa banda, comprometeuse a mellorar os baños do CEIP Fermín Bouza Brey.

Precisamente, neste último centro, Cristina Fernández solicitou que a Xefatura Territorial trasladara a Servizos Complementarios da Consellería de Educación a posibilidade de que a administración autonómica asuma a xestión do comedor para o curso 2018/19 segundo o compromiso da Xunta trala súa implantación.  

Finalmente, a petición da Concellería de Ensino de Ponteareas a Xunta avaliará a posibilidade de levar a cabo futuras obras de eficiencia enerxética no CEIP Fermín Bouza Brey.

Outros temas sobre instalacións que foron tratados a petición do Concello, é a situación das cubertas e aularios de Infantil do CEIP Ramiro Sabell e Nosa Sra. Dos Remedios, a necesidade de dispor de cuberta no patio do IES “Val do Tea”, de aulas novas no CIFP A Granxa e no IES do Barral; a habilitación dun ximnasio no CEIP Feliciano Barrera e, por último, a medición oficial no IES Pedra da Auga do gas radón.

A nivel educativo, tratouse a necesidade de implantación de Bacharelatos Artísticos en Ponteareas que melloraría a oferta educativa na Comarca Condado-Paradanta.