A Concellería de Ensino do Concello de Ponteareas solicita unha mesa de negociación coa Xunta para que asuma o financiamento dos conservatorios municipais

 

Alcaldes e representantes dos gobernos locais dos concellos de Arzúa, Carballo, Culleredo, Melide, Noia e Ponteareas reuníronse na Deputación da Coruña coa vicepresidenta e responsábel da área de Cultura, Goretti Sanmartín para estudar a situación dos conservatorios de música profesionais municipais. Na xuntanza decidiron solicitar unha mesa de negociación coa Xunta de Galicia co obxectivo que esta asuma o seu financiamento.
Os alcaldes de Culleredo, Arzúa e Noia, Julio Sacristán, José Luis García López e José Santiago Freire Abeijón, a alcaldesa de Melide, Dalia Garcia Couso, a tenente alcalde de Carballo, Milagros Lantes e as concelleiras de Ponteareas Cristina Fernández Davila e Hortensia Bautista reuníronse esta mañá coa vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña co tema único de abordar a situación dos conservatorios de música municipais onde se imparten ensinanzas profesionais que existen en 20 concellos galegos.
Na xuntanza acordouse iniciar os contactos coas catro deputacións para abrir unha canle de comunicación de cara a solicitar formalmente da Xunta unha reunión de traballo co fin de iniciar o proceso de integración dos conservatorios profesionais de música nunha rede de centros financiados desde a administración galega, dado que, segundo destacaron, é quen ten a competencias en materia de formación. Os conservatorios exceden, como fixeron ver, as posibilidades de financiamento dos propios concellos e as familias padecen, ademais, un agravio comparativo discriminatorio con respecto ao alumnado dos conservatorios dependentes da Consellaría de Cultura, Educación e Orientación Universitaria.
Reclaman, por tanto, que a Xunta asuma as competencias sobre os Conservatorios cunha planificación razoable para executar a súa transferencia. No transcurso da reunión, a que tamén asistiron directores de conservatorios, tomouse a decisión de que participarían representantes dos concellos, das catro deputacións para solicitar da Xunta unha reunión de traballo conxunta para abordar este proceso.

Os concellos lembran que non teñen competencia propia sobre as ensinanzas musicais regradas, e que, coa normativa vixente, queda claro que é a Xunta quen ten que exercela para regular e proporcionar formación artística regrada ao conxunto da poboación sen ningún tipo de discriminación por razón de residencia. Que vinte concellos teñan a titularidade de conservatorios de música e continúen realizando un esforzo xigantesco para os manteren responde só, como fixeron ver, á necesidade de ofrecer a súa veciñanza unha formación musical de que a administración galega só se encarga directamente nas sete cidades. Neste sentido, son entidades locais de tamaño medio como as que participaron na xuntanza da Deputación da Coruña, con inferior capacidade económica que os concellos de maior poboación, as que asumen a xestión destes centros educativos ao ficaren á marxe da rede da administración competente.
Por todo isto, representantes dos concellos reunidos defenderon a necesidade de iniciar o proceso para garantir a continuidade destes centros, que ofrecen o seu servizo a un número moi considerábel de estudantes. Para garantir a viabilidade económica que asegure o seu futuro, solicitan que se abra unha mesa de negociación a este respecto e que se poña enriba da mesa a transferencia dos conservatorios municipais e a futura integración nunha rede de centros a nivel galego e que se estabelezan prioridades e medidas a curta prazo para dar resposta á importante demanda cidadá deste tipo de estudo.