A concellería de Ensino do concello de Ponteareas presentou nas escolas o Corpus Christi

Con motivo da celebración do Corpus Christi de Ponteareas, a Concellería de Ensino está a presentar nas escolas da vila esta festa de tanto arraigo e tradición.
Con esta iniciativa Ensino pretende que o Corpus se extenda a toda a poboación despertando o interés dos máis cativos e garantir así o relevo xeneracional.
A concelleira de Ensino, Cristina Fernández, acompañada de Miguel Novoa, representante dos alfombristas de Ponteareas, animan aos escolares a achegarse aos portais a coñecer o bo traballo das alfombristas.
Durante a presentación os alumnos /as visionaron un vídeo que recolle a historia da vila de Ponteareas, cheiran o fiuncho e descubren algúns dos segredos para atopar a inspiración ou conservar frescas as follas.
“É importante que os máis novos coñezan o traballo que hai detrás de cada alfombra floral, un traballo en equipo que ven reforzado polo traballo que dende o concello se fai na difusión e no reparto dalgúns materiais”, sinala Cristina Fernández.
Pola súa parte, Novoa introduce o concepto de alfombrista responsable co medio natural, un alfombrista que debe coñecer o ritmo das plantas, saber podalas, como e cando recollelas e como non danalas para garantir a súa reprodución.
Nesta rolda de presentacións do Corpus Christi participaron alumnos de entre terceiro e sexto de primaria das escolas Fraga do Rei, Ramiro Sabell, La Inmaculada, Feliciano Barrera e Bouza Brey.
Os proxectos internacionais, o por que é un arte efímero, o reparto de material, a difusión, as horas de esfollado, o deseño, os momentos históricos vinculados ás alfombras florais… e un longo etc de anécdotas que o concello quixo achegar nesta primeira toma de contacto coas escolas.
“A nosa intención é ir medrando coas escolas e para o ano gustaríanos prantexar outras accións máis elaboradas como a confeción dunha pequena alfombra por cada colexio ou visitas aos portais”, conclúe Fernández.