A Concellería de Ensino do Concello de Ponteareas abre o prazo para o campamento urbano Campus-Tea 2017

O Campus vai destinado a nenos e nenas de 3 a 12 anos e realizarase en horario nove da mañá a dúas da tarde
Basearase na pedagoxía do lecer dende unha educación en igualdade e hábitos saudables
A preinscrición estará aberta ata o 9 de xuño

A concellería de Ensino do concello de Ponteareas ven de publicar as bases e preinscrición para o Campamento Urbano Campus Tea-2017.
Un programa educativo de atención á infancia no que se combinan actividades educativas con outras propias do lecer e tempo libre para os fillos e fillas de familias traballadoras co obxectivo de favorecer a conciliación da vida familiar e laboral duranteo período non lectivo de verán, ao tempo que se potencia o desenvolvemento integral do neno/a a través dunha programación que combina o xogo con actividades creativas, culturais e de coñecemento do entorno próximo, dende unha pedagoxía do lecer baseada na educación en igualdade e hábitos saudables.
O programa vai dirixido aos nenos e nenas de 3 a 12 anos. Nesta convocatoria hai 100 prazas por quincena no mes de xullo e 50 prazas por quincena no mes de agosto.
O lugar de realización do Campus Tea-2017 será o colexio Nosa Señora dos Remedios de Ponteareas e o horario establecido é de luns a venres do 26 de xuño ao 31 de agosto de 2017 de 09:00 horas a 14:00 horas.
O Campus Tea-2017 organízase arredor de diversos contidos, así na primeira quincena de xullo a temática será Bichos! no que se achegarán á vida deses pequenos seres que nos rodean a cotío. Na segunda quenda de xullo e baixo o título “Superheroes e Superheroinas” achegaranse aos diferentes personaxes de ficción que aparecen nos cómics, tamén descubrirán outros como Nelson Mandela, Teresa de Calcuta…
Na primeira quenda de agosto mergullaránse na ciencia como ferramenta para dar solución aos problemas da vida e xa, na segunda quenda de agosto toca promover as habilidades domésticas para todos e para todas.
“O Campus Tea-2017 divídese en sete áreas ou ámbitos do desenvolvemento como a área lúdico-educativa, a da identidade e autonomía persoal, a da saúde e a do deporte, a afectivo-social e de comunicación, a da expresión e creatividade, a do medio ambiente e a formativa”, explica a concelleira de Ensino, Cristina Fernández.
Ademáis, desenvolverase o xogo libre, os xogos de agora e de sempre, as actividades predeprotivas e deportivas, os xogos en grupo, os obradoiros e actividades de animación á lectura.
Tamén se farán saídas ao entorno, actividades familiares e actividades temáticas.
“Con estes programas pretendemos apoiar ás familias que traballan con especial atención ás familias monoparentais ou aquelas que se atopan en búsqueda de emprego. O Campus pretende ser un servizo para todas aquelas familias que traballan e que queiran deixar nun espazo lúdico, didáctico e de crecemento persoal aos seus fillos e fillas”, matiza a Concelleira de Ensino.
A preinscripción poderase facer dende hoxe ao 9 de xuño.

Bases e inscrición no:
https://ponteareas.gal/descargas/ensino/bases_campus_tea_17.pdf