A Concellería de Deportes remite unha enquisa ás entidades deportivas do Concello

O seu obxectivo é avaliar as bases e a convocatoria de subvencións deportivas que o goberno levou a cabo no 2016

A Concellería de Deportes, dirixida por Benito Márquez, levou a cabo no 2016 unha convocatoria de subvencións por valor de 40.000 euros, destinadas ás entidades deportivas sen ánimo de lucro da vila, co propósito de “axudar dentro das posibilidades a todas eses clubes e asociacións deportivas que fan unha labor altruísta importante para Ponteareas e dan a coñecer a nosa vila”.

“No 2017 volverán a convocarse. O obxectivo do Goberno é que se convoquen anualmente, non cada catro anos, como sucedía co goberno anterior”, indica Benito Márquez, concelleiro delegado de Deportes.

A Concellería acaba de  remitir unha “enquisa de satisfacción” a todas as entidades que constan no rexistro municipal, que tamén estará dispoñible na páxina web municipal –na sección de Deportes- para que calquera outra entidade que non conste no rexistro poida descargala e remitila polo rexistro do Concello. Esta enquisa consta de dous apartados. No primeiro valóranse o grado xeral de satisfacción coas bases do 2016, a calidade, axilidade e atención dos servizos recibidos pola Concellería e polo Departamento de Deportes e a divulgación da convocatoria. No segundo, valóranse os criterios de puntuación dos méritos, a necesidade de inclusión ou retirada dalgún criterio, e pregúntase se se considera que as bases deben estar abertas tanto a competicións federadas en competición oficial como non oficial, ou unicamente para as primeiras.

“Estas bases deben ser as bases de todos. É importante coñecer de primeira man as opinións, impresións e suxestións das diversas entidades, tendo como base a convocatoria do 2016, co fin de melloralas e conseguir que conten cun amplo consenso e sexan máis xustas. Do mesmo xeito, é a nosa intención que se valore o servizo, é dicir, o trato que se recibiu dos traballadores municipais, de se obtiveron información suficiente, etc.”

Unha vez recibidas as enquisas, a Concellería de Deportes convocará a tódalas entidades a unha reunión para debater e consensuar de xeito definitivo as bases da nova convocatoria de subvencións para o ano 2017.