A Concellería de Cultura prosegue co programa Coñecer Ponteareas este vindeiro venres

Nesta ocasión o punto de encontro será no Castro de Troña, a partir das 22 horas presenciarase a posta do sol e de seguido se realizará unha visita guiada a cargo de persoal da Biblioteca Museo, así como, máis tarde, a observación das bágoas de San Lourenzo

IMG-20160808-WA0007
Os participantes poderán ver, desde un lugar privilexiado, a posta do sol. Chegada a noite, alumeados polas estrelas, farase unha visita guiada polos restos castrexos, un dos máis amplos da península.

Despois, á media noite, en colaboración coa asociación astronómica de Pontevedra Sirius realizarase unha visión telescópica guiada do firmamento e das coñecidas bágoas de San Lourenzo, tamén coñecidas como as perseidas, un espectáculo natural que risca os ceos na constelación de Perseo todos os anos por estas datas estivais. Para unha mellor observación, recoméndase que os asistentes leven roupa de abrigo e obxectos nos que poder tombarse, como esteiras ou toallas.