O concelleiro de Deportes presenta a II Challengue as Rías Baixas na que participarán máis de doscientos ciclistas

Douscentos corredores procedentes de distintos lugares de toda España, de Portugal e, por suposto, de Galicia, tomarán a saída o vindeiro sábado, día 21, na II Challenge As Rías Baixas de ciclismo, para máster e júnior, que cubrirá algo máis de 160 quilómetros pasando polos concellos de Mos, Ponteareas e O Porriño.

A proba, presentada este mércores no Concello do Porriño polos concelleiros de Deportes de Mos, Julia Loureiro, Ponteareas, Benito Márquez, e O Porriño, Manuel Carrera, xunto co director da organización, Juan Álvarez e Guillermo Sande, en representación da Federación Galega de Ciclismo, transitará o sábado por Mos, saíndo ás 10 e media da mañá do Centro Recreativo e Cultural de Torroso-sobre unha distancia final de 68,7 quilómetros; – e por Ponteareas, iniciándose ás 5 da tarde no Parque Avisoureira, para cubrir 8,7 quilómetros.

 O domingo, día 22, os ciclistas sairán da rúa Domingo Bueno, no Porriño, ás 10 e media da mañá e se agarda que cheguen á meta no mesmo lugar, sobre a 1 da tarde, logo de facer un percorrido que pasará polo sur da provincia.

Esta proba, organizada polo Club Máster da Louriña, e que conta co patrocinio dos tres concellos e da Deputación de Pontevedra, ademais de numerosas firmas comerciais, permitirá, por primeira vez, coma salientou o representante da Federación Galega, “xuntar corredores novos de Ponteareas, que conta con tres gañadores da Volta a España, Mos, que ten un gañador do Tour de Francia, e O Porriño, un berce de ciclistas”.

Os tres concelleiros coincidiron en comprometer o seu apoio á Challengue As Rías Baixas, dado que permite impulsar a práctica do ciclismo, abrir a competición á categoría xuvenil e facer que percorra aldeas e lugares de cada un dos tres concellos.