Comunicación e divulgación protagonizan a sétima edición da Semana das Ciencias de Ponteareas

Comunicación e divulgación protagonizan a sétima edición da Semana das Ciencias de Ponteareas

Do 17 ao 21 de abril, recoñecidas locutoras e locutores de radio, premiadas iniciativas de difusión e persoas expertas en comunicación compartirán coa veciñanza os seus coñecementos

Espertar a curiosidade, decatarse da importancia de investir en innovación e investigación para mellorar o noso día a día e descubrir que a ciencia está detrás de cada unha desas melloras son algúns dos obxectivos da Semana das Ciencias de Ponteareas, que este ano volve ás rúas e aos centros educativos da vila do 17 ao 21 de abril.

A alcaldesa Cristina Fernández presentou xunto á Federación de ANPAS, FANPO, a sétima edición dunha iniciativa que, ano tras ano, achega a ciencia a toda cidadanía con actividades para todos os públicos e que procura, máis ca nunca, a implicación de toda a comunidade educativa con actividades e temas actuais de interese tanto para persoas adultas como para mocidade e infancia.

A VII Semana das Ciencias afondará na relación entre a ciencia e a comunicación xusto ao cumprirse neste ano 2023 noventa anos da chegada da radio a Galicia. “En Ponteareas conectaremos ao noso alumnado e a nosa cidadanía con expertas e expertos en comunicación, con recoñecidos e recoñecidas profesionais que viviron a revolución tecnolóxica dos medios, coas novas xeracións que utilizando novas canles de comunicación conciencian, sensibilizan, potencian proxectos, lanzan empresas e poñen o selo das galegas e dos galegos nas plataformas dixitais”, explica a alcaldesa, Cristina Fernández.

Aprender da man de xornalistas, persoas comunicadoras, locutoras e locutores, community manager, editores e editoras ou deseñadoras e deseñadores gráficos é tamén un dos obxectivos desta nova edición da Semana das Ciencias de Ponteareas.

“Inmersos na era da comunicación é todo un acerto dedicar a VII Semana das Ciencias de Ponteareas a achegar coñecemento e novas iniciativas sobre as novas canles de comunicación que van xurdindo e fomentar a curiosidade das novas xeracións para experimentar, innovar e aproveitar todo o potencial que se abre a eles a través das TIC”, engade o presidente da FANPO, Alberto Vázquez.

A programación comeza coa presentación do proxecto YouTubeiras.gal na que participará o alumnado ponteareán, para seguir co seminario para profesorado e dar a benvida xa ás 19:30 horas ao ciclo de conferencias. Un completo programa de cinco días do que tamén formarán parte a profesora e vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Mónica Valderrama; o creador e profesor da Escola de Restauración, Mingos Teixeira; o xornalista de máis longa traxectoria nos medios, Fernando Franco; a comunicadora e escritora María Xosé Porteiro; locutores deportivos e condutores de programas radiofónicos de máxima audiencia e as responsábeis de webseries da produtora Illa Bufarda ou creadores e creadoras de contidos para podcasts e canles de YouTube. Ademais, a veciñanza poderá visitar a exposición da Historia da Radio na entrada do auditorio municipal e escoitar antigas emisións, como o discurso sobre o Estatuto de Autonomía de Castelao ou extractos do Consultorio de Elena Francis, así como a voz do célebre compositor ponteareán Reveriano Soutullo.

Das distintas actividades poderá beneficiarse non só a mocidade que compartirá coñecementos e coñecerá novas ferramentas das canles de comunicación, senón tamén comerciantes e empresas locais que aprenderán da man das e dos profesionais dos medios para optimizar a súa visibilidade nas redes sociais e implementar as súas páxinas webs. As familias tamén coñecerán a fondo a rede e o espazo cibernético e atoparán recursos útiles para a educación das súas fillas e fillos na sétima edición da Semana das Ciencias.

Por outra banda, o alumnado dos centros educativos collerá soltura na edición de son e asomaranse aos directos de radio da man de Ponte Nas Ondas. Tamén aprenderá no obradoiro de radio, nas visitas ás empresas locais de deseño gráfico e imprenta ou no Museo do Reloxo de Ponteareas, ademais de coñecer as profesións relacionadas coa comunicación no ciclo de conferencias das tardes, aberta ao público en xeral.

A Feira das Ciencias volverá pechar na tarde do venres o programa cunha ampla oferta de enxeñosas e creativas propostas que amosarán ao público os coñecementos científicos da mocidade e da infancia ponteareá.

“A Semana das Ciencias  ofrece cada ano un espazo no que visibilizar todo o traballo que realizan os centros educativos de Ponteareas, sendo eles e elas os e as protagonistas. Ademais facilita que o alumnado viva experiencias de aplicación da ciencia á realidade que dentro das aulas non se poden desenvolver. E, por suposto, tamén é un apoio didáctico para os equipos docentes”, sinala Cristina Fernández.

A Semana das Ciencias pon o foco, nesta edición, na comunicación ofertando mesas redondas, conferencias, visitas a empresas locais, obradoiros, seminarios e xogos como as 7 Torres de Xabier Prado, cun enfoque social para que todas as persoas, independentemente da súa idade ou coñecementos, poidan conversar coas persoas expertas e compartir inquedanzas, preocupacións e resolver posibles dúbidas.