Cómics e relatos para enriquecer os tempos de espera na sala de pediatría

dav

A concelleira de Sanidade e Seguridade Cidadá, Vanesa Fernández, entregou un lote de libros e cómics ao centro de saúde de Ponteareas para a sala de espera da área de pediatría. 

As e os pacientes máis cativos de Ponteareas así como os preadolescentes usuarios deste servizo poderán desfrutar da lectura ao tempo que esperan a ser atendidos.

Dende contos didácticos para bebés a cómics de aventuras ou libros de relatos, todos eles en galego para comezar o ano dedicando estes pequenos intres ao mundo máxico da lectura. 

Vanesa Fernández entregou este lote de libros ao xefe de servizo do centro de saúde local, Carlos Pérez, e ao coordinador do servizo, Alfonso Porto,  coa intención de seguir realizando entregas cando se precisen. “Calquera recuncho ou momento é bo para fomentar a lectura e os bos hábitos. Un bo libro pode transmitir valores importantes ou contribuir favorablemente a desenvolver a creatividade da infancia e da mocidade”.

No centro de saúde de Ponteareas ademais da atención dos 13 médicos de familia, contan con tres pediatras, dous odontólogos, unha farmacéutica, once enfermeiras xerais, tres enfermeiros de pediatría, unha traballadora social, duas matronas, tres fisioterapeutas, dous hixienistas dentais, tres técnico auxiliar de enfermería, un celador, 5 PSX, dous auxiliares administrativos, un tecnico de RX ademais dos oito médicos xerais, sete enfermeiros e catro celadores-PSX do P.A.C (urxencias). “Este cadro de persoal repártese en horario de mañá, de tarde e urxencias nas áreas de mediciña xeral, fisioterapia, RX, farmacia, odontoloxía e extraccións periféricas, entre outros servizos de apoio como as citoloxías, espirometrías, ciruxías menores, ecografías, MAPA ou TAO (sintrom)”.

A concelleira adianta que todo este persoal atende non só aos 23.000 ponteareáns que viven no concello se non tamén ao resto da poboación da comarca que ten como referencia este centro para as urxencias e mesmo para a pediatría como se está a producir nos momentos en que vilas como Mondariz ou Covelo non teñen pediatra. “A Xunta está obligando aos centros de saúde de referencia a estar colapsados e desbordados véndose que sen incrementar o número de persoal nen mellorar as instalacións deben atender moitos máis pacientes que se suman dos previstos a diario ao recortar en concellos con menor poboación”.