Comezo do curso da Escola de Alfombristas de Ponteareas

O vindeiro sábado, día 8 de marzo, dará comezo o curso da Escola de Alfombristas do Concello de Ponteareas. Este curso gratuíto, dirixido a nenos e nenas desde os 8 anos ten como obxectivo que as xeracións máis novas coñezan os materiais, as técnicas e todos os aspectos relacionados coa arte da confección de alfombras florais. Este curso levarase a cabo no patio do Centro de Servizos Sociais, das 11 ás 12 horas, a partir deste sábado 8 de marzo.

alfombrando 1Como colofón a este curso, a tarde do sábado de Corpus elaborarán a súa propia alfombra diante do Auditorio Reveriano Soutullo, para a cal prepararán o material, farán o deseño do debuxo e confeccionarán integramente a alfombra, sempre baixo a supervisión e a compañía dun adulto.

O concelleiro de Cultura do Concello de Ponteareas, Andrés Sampedro Fernández, quere salientar a importancia desta actividade como un xeito de continuidade xeracional no interese pola confección de alfombras de flores que converteu a nosa festa máis emblemática, o Corpus Christi, no sinal de identidade de Ponteareas e que levou á súa declaración de Festa de Interese Turístico Internacional.

As persoas interesadas poden recibir máis información chamando ao número de teléfono 986 64 46 53, en horario de mañá, de luns a venres.